Víctor Méndez presenta en Pontevedra o seu documental ‘Narcogallegos’, que se estrea en Movistar Plus+

O xornalista e escritor pontevedrés Víctor Méndez presentou esta mañá no Liceo Casino o seu documental Narcogallegos, no que se analiza o negocio do narcotráfico desde diferentes puntos de vista
O acto, antesala da estrea oficial da peza audiovisual en Movistar Plus+ contou coa participación do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde de Pontevedra, Tino Fernández; o xefe da Sección Antidroga Greco Galicia, Emilio Rodríguez; a xefa do Servizo Aeronaval de Vixilancia Aduaneira, Laura Rebollo, e a responsable de Compras Alleas e Entretemento de Movistar Plus+, Leticia Pérez Rico. Tamén asistiron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o xefe da Brigada Central de Estupefacientes, Antonio Duarte; a delegada especial da Axencia Estatal da Administración Tributaria (Aeat), Imelda Capote; o xefe da Policía Local de Pontevedra, José Duarte, e os concelleiros de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
O documental de Méndez, xornalista especializado en tráfico de drogas e autor dos libros ‘Narcogallegos, tras los pasos de Sito Miñanco’ e ‘Traficantes de la muerte. De la heroína al fentanilo’, consta de dous episodios que desgranan o negocio das drogas e pon en valor o traballo das Forzas de Seguridade na súa loita contra o tráfico de substancias. A peza audiovisual, producida por Imaco, actualiza, cunha narración trepidante, un tema de máximo interese e actualidade, xa que 2021 marcou récords de incautacións de cocaína en todo o mundo.
Os asistentes ao acto de presentación, que incluíu a degustación dun viño español ao final do mesmo, tiveron ocasión de ir abrindo boca cun teaser de dous minutos, que sen dúbida espertou o máximo interese por seguir a estrea do documental en Movistar Plus+ mañá ás 22:30 horas (cunha segunda entrega o mércores 23 de febreiro no mesmo horario).
En Narcogallegos, que tamén estará dispoñible baixo demanda, teremos ocasión de ver operacións antidroga en pleno desenvolvemento, en vivo, escoitando tanto o que di a Policía ou Vixilancia Aduaneira como as conversas que manteñen os narcotraficantes mentres transportan cocaína. Tal e como asegurou o propio Víctor Méndez, «Narcogallegos é os ollos da Policía e tamén os ollos dos narcotraficantes», e á hora de realizar este documental, «tivemos a oportunidade de acceder aos narcos de máis alto nivel mundial».
Tino Fernández salientou a importancia de empregar tódolos recursos da Concellería de Saúde «para previr e concienciar nas escolas, con programas como ‘Alimentación, deporte e saúde’; nos clubs deportivos, cos talleres de Hábitos de Vida Saudables; nas rúas, a través de A Vida é Movernos; na Feira da Saúde, e colaborando en proxectos como este, que poñen de relevo unha realidade que non se pode agochar e contra a que loitan sen descanso as nosas Forzas e Corpos de Seguridade e outros organismos do Estado». «Víctor fixo un documento que describe moi ben o pasado e presente, que informa, que conciencia e que axuda a previr», subliñou o tenente de alcalde.
Emilio Rodríguez lembrou que gran parte do traballo desenvolvido polo Greco «é silencioso, de moito tempo, cos cascos postos» e Víctor Méndez «é un xornalista que axuda a que a sociedade comprenda o noso labor diario e, sobre todo, que aquí non hai romanticismos e os criminais son criminais proveñan de onde proveñan». Pola súa banda, Laura Rebollo felicitou ás Forzas de Seguridade e a Vixilancia Aduaneira «porque o recoñecemento deste documental é un agasallo para todos e un aliciente para seguir traballando».
A responsable de Movistar Plus+, Leticia Pérez Rico, admitiu que «desde o principio sabiamos que se trataba dun proxecto interesante», xa que «buscamos historias locais cunha repercusión global desde a mirada dun especialista». «Este documental únese a unha aposta por produtos de non ficción de produción local», aseverou Pérez Rico.