Xa disponibles as entradas gratuitas para asistir ás proxeccións da Semana do Cinema Galego

As longametraxes ‘Dhogs’, ‘Cuñados’, ‘Jacinto’, ‘Malencolía’, ‘Tres’, ‘A galiña Turuleca’e e os documentais ‘A poeta analfabeta’, ‘A virxe roxa’, ‘O gran camiño’ e ‘Welcome to ma maison’ conforman a programación da terceira edición desta gran cita non competitiva do cine do país

A III Semana do Cinema Galego prepárase par despregar a alfombra vermella no Teatro Colón. Do 8 ao 13 de marzo, unha coidada programación de dez filmes dará boa conta da calidade das producións asinadas en Galicia nos últimos anos no marco da que gran cita non competitiva do país.

Precisamente este luns, ás 10.00 horas, activarase a retirada de entradas para que o público poida asistir, gratuítamente, ás diferentes proxeccións que terán lugar no recinto coruñés. Os convites estarán dispoñibles tanto na plataforma web ataquilla.com coma no despacho de billetes da Praza de Ourense, en horario de luns a vernes -agás festivos- de 11.00 a 15.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Para poder asistir ás diferentes sesións, o Teatro Colón lembra o pertinente cumprimento da normativa sociosanitaria, de xeito que para poder acceder á sala será imprescindible presentar o pasaporte COVID ou test de antíxenos, tal e como especifica o DOG.

PROGRAMACIÓN

A programación da Semana do Cinema Galego comezará o martes 8 de marzo, coa proxección, a partir das 20.00 horas, de ‘Dhogs’, de Andrés Goteira. Trátase da película máis premiada da historia dos Mestre Mateo e contará co seu director e equipo de produción na súa presentación. Ao día seguinte, o mércores 9, o público poderá gozar da proxección das 19.30 horas de ‘Cuñados’, a longametraxe que conta con máis candidaturas finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022, e do documental ‘A virxe roxa’, que se exhibirá ás 22.00 h.

O xoves 10 será unha xornada especial para o audiovisual do país: ás 19.30 horas será a quenda do documental ‘O gran camiño’, dirixido por Alba Prol e Raúl García, e a partir das 22.00 horas proxectase de ‘Jacinto’. O filme, que asina Javi Camino tanto no guión coma na dirección, conta con Pedro Brandariz como actor protagonista.

De cara á fin de semana, o venres 11 proxectaranse dous traballos documentais: ‘A poeta analfabeta’, de Sonia Méndez (20.00 horas), e ‘Welcome to ma maison’, de Andrés Goteira (22.00 horas). Os horarios manteranse para o sábado e a primeira sesión achegará ao público ‘Malencolía’, a última creación de Alfonso Zarauza, e ‘Tres’, de Juanjo Giménez. Finalmente, na mañá do domingo 13, o filme familiar ‘A galiña Turuleca’, gañador do Premio Goya 2021 á Mellor Película de Animación, será o ramo do evento.

III SEMANA DO CINEMA GALEGO

A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país. Durante seis días, o audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do noso cinema nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo. Coa ollada posta en citas como Málaga, Cannes ou Venecia, a intención da Academia é impulsar un punto de encontro para público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais. Unha ocasión carismática, seductora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que quere ser unha das grandes citas da tempada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.