A andaina solidaria #ImportaEMoito porá en valor a igualdade de xénero nun percorrido pola Torre de Hércules

Esta actividade lúdico-deportiva forma parte das iniciativas do Concello polo 8M e terá lugar en paralelo coa carreira popular Torre de Hércules, do circuíto Coruña Corre
O Concello da Coruña promove a andaina solidaria #ImportaEMoito, que se celebrará o sábado 26 de marzo coincidindo coa realización da carreira popular Torre de Hércules, do circuíto Coruña Corre. A inscrición para esta iniciativa lúdico-deportiva remata este domingo 20 de marzo ás 23.59 horas.
A andaina solidaria #ImportaEMoito está organizada polo Concello e as súas áreas de Igualdade e Deportes, ademais da Fundación Emalcsa. Os seus obxectivos son promover a participación da cidadanía nas carreiras pedestres ao mesmo tempo que se poñen en práctica políticas públicas de respecto pola igualdade de xénero en todos os ámbitos. Desde o Goberno municipal de Inés Rey invítase a participar nesta iniciativa, pois “a igualdade e a loita contra a violencia machista é algo de todas e todos”, afirmou a alcaldesa.
A inscrición na andaina é gratuíta e as persoas que o desexen poderán facer unha doazón de 3 euros, 5 euros ou unha cantidade superior. Toda a recadación irá destinada á fundación Juan Soñador e ao seu proxecto Teranga Igualdade, que procura a integración das mulleres migrantes, potenciando o seu empoderamento e unha conciencia cidadá dentro do colectivo. A través do seu Círculo de Mulleres-Malaikas desenvolven accións como a acollida e información de mulleres migrantes, obradoiros formativos para persoas de diferentes culturas e identidades e lúdicos para favorecer as relacións sociais.
A andaina sairá inmediatamente despois do inicio da carreira popular Torre de Hércules, prevista para as 20.00 horas do sábado 26 de marzo. O seu percorrido será inferior a 5 quilómetros. Os dorsais poderanse recoller na aula habilitada na cidade deportiva Arsenio Iglesias o venres 25 de marzo, de 17.00 a 21.30 horas e o propio sábado 26 de marzo, de 10.00 a 20.00 horas. Entregarase ás persoas que realicen unha doazón un quentador de pescozo conmemorativo.
Dorsal 261
Todas as persoas que participen na andaina solidaria levarán o dorsal 261 en homenaxe a Katherine V. Switzer, a primeira muller que en 1967 correu un maratón cun dorsal oficial identificado con este número. Foi no maratón de Boston.
Katherine apuntouse ao maratón coas súas iniciais e non se deron conta da presenza dunha muller ata unha hora despois de empezar a carreira. Este foi o punto de partida para que as mulleres puidesen participar en carreiras de longa distancia.