A carreira Xacorun convidará a coñecer o Camiño Francés entre Sarria e Portomarín a través do deporte

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, que organiza o Club Pretorianos o vindeiro sábado e conta con máis de 200 persoas inscritas

A Xunta de Galicia apoia a carreira Xacorun, que o vindeiro sábado 19 de marzo convida a coñecer o Camiño Francés entre Sarria e Portomarín a través do deporte.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e Thor López, en representación da asociación organizadora, o Club Pretorianos, presentaron hoxe na Delegación Territorial da Xunta esta iniciativa, que recibe apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. A proba conta con 211 persoas inscritas.

Hai dúas modalidades de carreira, unha de 22 quilómetros individual ou por relevos que sairá desde Sarria ás 16.30 horas; e outra de 11 quilómetros individual, que ten como punto de partida o núcleo de Mirallos ás 17.30.

Javier Arias celebrou que a entidade organizadora «contribúa á promoción do Xacobeo sumando dúas experiencias que comparten moitos valores, o deporte e o Camiño de Santiago». Recalcou que o Camiño Francés «ofrece un escenario único dentro da nosa provincia para conxugar o turismo e o deporte en contacto coa natureza».
Ademais dos premios e trofeos aos que optan as persoas participantes, os que completen os 22 quilómetros entre Sarria e Portomarín poderán obter o selo da credencial do peregrino correspondente a esta etapa.

«Isto supón un convite para que continúen co percorrido ata Santiago de Compostela», dixo Arias, quen apuntou que a Xunta «confía en que este segundo ano Xacobeo rexistre unhas boas cifras de peregrinos e visitantes que axuden a reactivar a economía galega».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.