A Iniciativa Xabarín segue dando froitos. 70 series e filmes de Netflix en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística valora positivamente o acordo anunciado hoxe entre a Xunta e Netflix para a dobraxe e lexendaxe de máis de 60 filmes ao ano, con especial presenza de contidos infantís, un dos puntos recollidos pola Iniciativa Xabarín impulsada pola entidade de defensa da lingua, que contou co apoio de 33.000 sinaturas e que concitou a unanimidade parlamentar. A proposión unánime do Parlamento Galego instaba á Xunta «a chegar a a acordos con outras administración e empresas co fin de garantir a opción dobrada e lexendada a galego»

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que o Parlamento galego foi o único do Estado en se facer eco da ampla demanda cidadá ante a exclusión do galego dos produtos audiovisuais, nomeadamente das grandes plataformas, que reuniu ducias de colectivos sociais, centos de estabelecementos comerciais e, finalmente, máis de 33.000 sinaturas que permitiron o acordo unánime do Parlamento galego. «O conxunto da sociedade está de parabéns por ter sido o motor dun acordo útil para o galego e útil para todas as linguas do Estado», engadiu, «o que demostra que a unidade pola lingua é o mellor axente normalizador».

O acordo entre a Xunta e Netflix chega en pleno debate no Congreso sobre a Lei do Audiovisual, no que os puntos da Iniciativa Xabarín relativos ás grandes plataformas, estarán presentes grazas á Iniciativa polo audiovisual galego no que participan entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico e que xa presentou as súas emendas aos principais grupos políticos.

«O obxectivo da Iniciativa Xabarín era que o audiovisual deixase de ser un ermo para o galego», recordou Maceira, «e nese sentido cónstanos que está a traballar a TVG, que disponibilizará a súa plataforma audiovisual con canle xabarín este ano, e avanza o acordo da Xunta con Netflix». «Falta que a Lei Audiovisual camiñe tamén nese sentido», rematou o presidente da Mesa, «e niso está a traballar a Mesa conxuntamente coas entidades dos sector e cos partidos políticos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.