A veciñanza de Marín aproba con moi boa nota en materia de reciclaxe

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, valorou as cifras de reciclaxe do 2021 na vila, que rexistran unha recollida de 471,3 toneladas de plástico e envases e 482,9 de papel e cartón

A reciclaxe ten que ser unha prioridade da cidadanía, xa que é o xeito máis directo que temos a nivel individual de colaborar en facer un mundo máis sostible e respectuoso co noso medio.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, compartiu esta mañá os datos de balance da reciclaxe na nosa vila durante o 2021, que de novo confirman o compromiso da cidadanía marinense coa recollida selectiva dos residuos. “Seguimos tendo moi boas cifras, sempre en tendencia ascendente. Todas as campañas de concienciación e a implicación da cidadanía teñen un reflexo positivo, así como o feito de que a gran maioría das illas de colectores da nosa vila conten coa posibilidade de reciclaxe de plástico e cartón”, explicou a concelleira.

Segundo se extrae do informe estatístico do 2021, no caso da recollida de plástico, acadáronse as 471,3 toneladas, significativamente maiores das 191,06 que se recollían no ano 2017.

Un incremento similar é o que se produce no caso do cartón. Sumando as cifras da recollida do cartón comercial, con servizo porta a porta, e a recollida nos colectores públicos, acadáronse 482,9 toneladas, en comparación coas 270,4 do 2018, ano no que entrou en servizo esa recollida porta a porta.

Outro residuo que experimentou un aumento importante na súa recollida selectiva foi o aceite, que pasou dos 9.969 litros no 2019 a 12.330 no 2021. Sanmartín adiantou que “en breve colocaremos catro novos colectores de recollida de aceite, para seguir facilitando a súa reciclaxe e, polo tanto, seguir mellorando estos datos”.

No que respecta á recollida de voluminosos, a edil explica que segue habendo bastantes verquidos e prega á cidadanía que faga un uso responsable do servizo de recollida. “É preciso chamar antes para deixar o residuo e que así a empresa encargada do servizo poida atender á súa recollida en tempo e forma”.

Sanmartín asegurou que se seguirán facendo campañas de concienciación neste sentido e que se seguirá incidindo nas boas prácticas. “En xeral, estamos contentos polos bos resultados e polo compromiso da cidadanía co medio ambiente, polo que agradecemos ao pobo de Marín a súa implicación”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.