A Vicepresidencia pon en valor o patrimonio arqueolóxico do Courel na V Xornada de Divulgación Científica organizada polo Museo de Lugo

“O Courel dos tesos cumes”, que se celebrará o 25 de marzo, incluirá relatorios sobre as formas de ocupación deste territorio ao longo da historia e unha visita ao castro da Torre

O territorio e a arqueoloxía do Courel centrarán a V edición da Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrará o vindeiro o 25 marzo no Pazo de Marcos baixo o epígrafe “O Courel dos tesos cumes”

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro e as persoas coordinadoras da xornada, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e o arqueólogo Iván Álvarez Merayo, presentaron esta mañá o programa que inclúe relatorios sobre os modelos de ocupación deste parte do territorio ao longo da historia e sobre os restos materiais conservados no Museo de Lugo, así como unha mesa redonda sobre a necesidade de transferencia e divulgación do coñecemento para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico courelán.

Como novidade con respecto a outras edicións, a xornada inclúe este ano unha visita ao castro da Torre (Sobredo, Folgoso do Courel), guiada por Iván Álvarez Merayo, para coñecer de primeira man o traballo de campo no ámbito da arqueoloxía.

Este xacemento será protagonista tamén dunha exposición divulgativa monográfica realizada ao abeiro da xornada, que se inaugurará na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Museo de Lugo cunha visita técnica explicativa a cargo de Aurelia Balseiro e que se ofrecerá despois para itinerancia por outros espazos expositivos, culturais ou educativos.

Maite Ferreiro agradeceu “o traballo desenvolvido para esta nova edición, na que se darán a coñecer multitude de datos de interese dunha das comarcas con máis riqueza cultural, natural e etnográfica de Galiza”, subliñando que “os cumes do Courel foron declarados hai pouco máis de dous anos como Xeoparque Mundial pola UNESCO, o primeiro do norte do estado”.

“Desde a Vicepresidencia non podemos máis que apoiar esta iniciativa, xerar espazos de encontro para filtrar estes coñecementos á sociedade e fomentar o estudo do noso, da natureza, arqueoloxía, etnografía e historia. Porque só desde ese punto outorgaremos o valor que merece e seremos quen de avanzar cunhas raíces fortes”, conclui a súa intervención.

A participación nestas xornadas sobre arqueoloxía e territorio poderase realizar en modalidade presencial ou en liña, asignándose as prazas por rigorosa orde de inscrición, previa e de balde, cubrindo o formulario dispoñible en www.redemuseisticaluga.org Para obter o diploma acreditativo á xornada de oito horas de duración, será preciso asistir ao 75% das sesións.

Nas fotografías: Maite Ferreiro, Aurelia Balseiro, Iván Álvarez Merayo e membros do comité organizador: Encarna Lago, xerente da Rede Museística, Enrique Alcorta e Ofelia Carnero, do Servizo de Arqueoloxía do Museo de Lugo.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.