A Xunta asina o convenio para a construción da estación de autobuses e o aparcadoiro da estación intermodal da Coruña

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou telematicamente o acordo, que deben asinar agora, de forma urxente, o Concello da Coruña e Adif para avanzar neste proxecto estratéxico que suporá un investimento de 43,2 M€

A Xunta asinou hoxe o convenio para a execución da terminal de autobuses, o aparcadoiro e os elementos comúns da reforma ferroviaria que configurarán a estación intermodal da cidade, cun investimento de máis de 43,2 millóns de euros. A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, rubricou de xeito telemático o acordo, que foi remitido xa ao Concello da Coruña e a ADIF para a súa sinatura inmediata, imprescindible para avanzar neste proxecto estratéxico e poder licitar as obras.

O Consello da Xunta autorizou a semana pasada o convenio, ao dispor da imprescindible garantía de crédito orzamentario no Concello da Coruña para asumir os compromisos previstos. Unha vez formalizado o acordo, o Executivo autonómico licitará as obras da estación de autobuses co aparcadoiro de turismos, cun investimento de 32,4 M€, que executará asumindo o 60% do importe e o Concello contribuirá co restante 40%.

O Goberno galego tamén contratará as obras dos elementos comúns entre as estación de autobuses e a nova terminal ferroviaria, cun investimento de 10,8 M€, que cofinanciarán as tres administracións, achegando a Xunta o 10% do importe, outro 10% o Concello e o 80% ADIF. A Xunta prevé investir un total de preto de 20,5 M€ na estación intermodal da Coruña. Este orzamento será cofinanciado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation EU.

O proxecto da estación intermodal da Coruña conta xa coa aprobación urbanística tras a súa tramitación ao abeiro da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese e aprobalo polo Consello da Xunta. En relación aos accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril, serán executados e financiados polo Concello da Coruña, cunha achega de 4 millóns de euros. A remodelación da estación ferroviaria corresponderalle a ADIF, que investirá preto de 50 millóns de euros.

Estación de autobuses

A estación de autobuses desenvolverase en paralelo á avenida da Sardiñeira e á traza ferroviaria, sobre unha parcela de 21.000 metros cadrados e estará dividida en dous niveis: no superior situarase a estación propiamente dita, co edificio de viaxeiros e a zona de dársenas, ademais da pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e no inferior, a cota variable, situaranse o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación e as dársenas de regulación.

O acceso peonil ao novo edificio da estación de autobuses poderá realizarse desde a avenida da Sardiñeira, a través da pasarela peonil de conexión coa avenida do Ferrocarril, ou desde a propia estación de tren e o aparcadoiro. Os autobuses accederán por un ramal da glorieta que se prevé construír na avenida da Sardiñeira, desde a cal se poderán dirixir tanto á zona das dársenas como ao aparcadoiro de regulación, no suroeste da parcela. Os vehículos dirixiranse ao aparcadoiro desde a futura glorieta da Sardiñeira ou desde a glorieta da avenida do Ferrocarril, a través do túnel que se prevé executar baixo a estación de San Cristóbal.

O edificio da estación terá 2.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares. O andar máis alto será de acceso restrinxido ao persoal autorizado e acollerá as instalacións e os cuartos técnicos. No andar baixo, desde o vestíbulo accederase a unha zona de circulación e espera, cun desenvolvemento lonxitudinal arredor do cal se disporán a cafetería, as taquillas, aseos, sala de seguridade, facturación, ademais doutras oficinas privadas.

A zona de dársenas estará á cota do andar baixo do edificio, de forma que serán os autobuses e non os viaxeiros a pé os que circulen baixo a terminal para entrar e saír. A estación contará con 20 dársenas de operación e unha zona de regulación no aparcadoiro, con máis de 20 prazas.

O aparcadoiro de turismos dispón de 325 prazas de estacionamento, máis 44 para vehículos de alugueiro, das cales unha porcentaxe se reservará para persoas con mobilidade reducida, para familias e embarazadas e para coches de carga eléctrica. Así mesmo, proxéctase habilitar prazas para motocicletas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.