A Xunta destinou 53.000 € a renovar instalacións do CEIP Península da Paz de Cervo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que os traballos consistiron na substitución de ventás e a mellora do peche de patio

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de executar obras no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Península da Paz de Cervo nas que investiu 53.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, visitou hoxe o centro para comprobar xunto a membros do equipo directivo o resultado dos traballos, entre os que destaca a substitución das ventás do corredor da planta alta.

As novas carpinterías exteriores son de aluminio con rotura de ponte térmico e apertura oscilobatente, polo que terán maior capacidade de illamento e facilitarán a ventilación. Así mesmo, tamén se mellorou o peche do patio.

Arias salientou que o departamento de Educación destinou nos últimos catro anos máis de 100.000 euros a levar a cabo diversas intervencións neste CEIP, como a renovación de ventás noutras áreas do edificio, a mellora da soleira do patio e a ampliación dunha aula.

Lembrou que todas as melloras impulsadas pola Xunta nos colexios e institutos seguen as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que busca dar resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas dos centros de ensino, tendo en conta os retos de sostibilidade.

No transcurso da visita, o delegado territorial e o alcalde de Cervo tamén mantiveron un encontro con alumnado de 4º de Primaria, que aproveitou para facerlles a ambos diversas preguntas relacionadas con dotacións e instalacións públicas do municipio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.