Aprobadas as obras para mellorar a seguridade viaria de estradas provinciais en Camariñas, Carral e Pontedeume

O pleno da Deputación deu luz verde onte a un proxecto de máis de 1,1 millóns de euros para construír 3,1 quilómetros de senda peonil na DP-4803 de Miño a Pontedeume

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade na sesión de onte importantes investimentos por máis de 1,7 millóns de euros para acondicionar e mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais DP-1601 de Ponte do Porto a Camelle (en Camariñas), DP-2104 de Carral a Meirama (Carral) e a creación dunha senda peonil na DP-4803 de Miño a Pontedeume (Pontedeume).

Destaca, entre os proxectos de Vías e Obras, os 1,1 millóns de euros nos que se valora a construción dunha senda peonil de máis de tres quilómetros e dous metros de ancho na vía DP-4803 de Miño a Pontedeume. As tarefas permitirán executar unha senda ao longo de 3.150 metros nun tramo onde non existe infraestrutura habilitada para peóns e dando, desta forma, continuidade ás beirarrúas existentes no resto da estrada provincial.

A anchura da senda tratará de manterse nos dous metros ao longo de todo o seu percorrido, aínda que en determinados puntos será necesario estreitala para adaptarse ás infraestruturas da zona. A senda contará con cruzamentos nos tramos de estrada onde haxa unha boa visibilidade en ambos sentidos de circulación.

O itinerario peonil estará delimitado coa calzada mediante un bordo de formigón prefabricado. Ademais disto, o proxecto tamén inclúe a creación de muros de entre un metro e medio e dous metros e medio de alto para a contención de parcelas privadas afectadas pola nova anchura da plataforma. Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses.

Ampliación da ponte sobre o rego do Castro na DP-2104 de Carral a Meirama

Enmárcase no paquete de melloras de estradas provinciais a ampliación da ponte sobre o rego do Castro na DP-2104 de Carral en Meirama (Carral). Unha iniciativa valorada en 440.094 euros para executar unha pequena variante de trazado cunha lonxitude de 300 metros que inclúe nova obra para salvar o rego do Castro.

Esta nova estrutura permitirá mellorar a seguridade viaria nunha vía que presenta un trazado moi sinuoso, con curvas de radio reducido, sendo a ponte sobre o río Castro a máis restritiva ao longo do tramo. Neste espazo de 180 metros de lonxitude, os catro metros de ancho da plataforma dificultan o paso de vehículos pesados e autobuses, que se ven na obriga de realizar manobras para poder circular.

Para dar resposta a estas deficiencias, actuarase nun tramo de 300 metros de lonxitude, ampliando a vía ata os sete ou nove metros con dous carrís de tres metros e medio cada un e beiravías dun metro. A obra sobre o río ampliarase uns 3,5 metros para alcanzar a rasante proxectada para a estrada. A obra completarase co acondicionamento da drenaxe lonxitudinal da estrada e a sinalización desta. As tarefas sinaladas contarán cun prazo de execución 9 meses.

Novas beirarrúas e zona de aparcamento na DP-1601 en Camariñas

Dentro dos investimentos aprobados no pleno, tamén figuran 175.122 euros para acondicionar a DP-1601 de Ponte do Porto a Camelle, en Camariñas. As obras realizaranse no tramo comprendido entre o punto quilométrico 4+200 e o 4+425 e basearanse na creación de beirarrúas de loseta hidráulica sobreelevadas en ambos marxes da vía. O ancho do itinerario peonil será de dous metros, con beiravías de medio metro. Debido á diferenza de cota existente na marxe dereita do tramo de actuación, contémplase a instalación dunha varanda peonil.

A iniciativa inclúe a creación dunha zona de estacionamento de vehículos en liña na marxe dereita da vía, entre o pq 4+310 e o 4+420. Os traballos tamén contemplan a pavimentación da estrada mediante o estendido e compactado dunha capa de rodaxe a base de mestura bituminosa en quente en todo o ancho da plataforma resultante.

Ademais destas tarefas para incrementar a seguridade peonil, levaranse a cabo a renovación da iluminación existente coa substitución dos puntos de luz na marxe esquerda da estrada, así coma o cableado e os elementos necesarios para o correcto funcionamento. Así mesmo, mellorarase a rede de saneamento afectada polas obras coa reposición dun tramo de cen metros na marxe esquerda. Inclúense no convenio a sinalización horizontal, na que se inclúen pasos para peóns, e a sinalización vertical. O prazo de execución das tarefas sitúase en cinco meses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.