As demandas de ruptura matrimonial en Galicia descenderon un 2,9 % en 2021

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2021 descendeu con respecto a 2020. O ano pasado nos xulgados da comunidade rexistráronse 5.034 procedementos deste tipo, un 2,9 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 5.182, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os divorcios consensuados pasaron de 2.900, no ano 2020, a 2.951, en 2021, o que supón un aumento do 1,8 %. Os non consensuados, non obstante, descenderon un 7,8 %, de 2.098 a 1.934. O ano pasado contabilizáronse 113 separacións de mutuo acordo, un 9,6 % menos que en 2020, cando se rexistraron 125. O informe tamén reflicte unha diminución dun 38,6 % das separacións contenciosas, ao pasar de 57 a 35. En 2021 interpúxose unha petición de nulidade matrimonial, fronte ás dúas do exercicio anterior.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2021, en Galicia rexistráronse 186,7 peticións por cada 100.000 habitantes, por baixo da media estatal (205,7).

O ano pasado iniciáronse 622 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 8,6 % máis que en 2020, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.651, o que supón un aumento do 3,4 %.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 1.141 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un aumento do 10 % con respecto ao período anterior. As demandas non consensuadas, pola contra, descenderon, pois pasaron de 1.227, en 2020, a 1.249, en 2021, un 1,8 % máis.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.