As Neves loita contra os prezos da enerxía

Vén de reducir nun 70% o custo do alumeado público, logrando un aforro de 85.000€, este ano, no recibo da luz

O Concello das Neves, ten rematado xa o paso do 99% do alumeado público a tecnoloxía LED, de xeito que na actualidade a potencia contratada é de menos da metade da que tiña no período anterior a este cambio.

Esta iniciativa, que abrangue 2.500 puntos de luz, vén de completarse coa modificación de 65 dos 68 cadros eléctricos públicos e cunha redución do 50% da potencia en quilowatios, pasando de 347 a 163. En total, o aforro no ‘recibo’ que paga o Concello será, de media, de máis dun 70 %, de xeito que o orzamento anual adicado a pagar o alumeado pasará dos 125.000€ de 2021 a 37.500€ este 2022, o que representa 85.000€ menos.

Control e programación do encendido, punto por punto

Do mesmo xeito, están implantados sistemas intelixentes de telexestión enerxética o que permite monitorizar o alumeado en tempo real e xestionalo punto por punto, permitindo regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, apunta que «agora estamos a traballar na última parte deste proxecto, iniciado hai catro anos, e que permitirá mellorar o alumeado de elementos arquitectónicos, parada de bus, pasos de peóns e lugares que actualmente non teñen servizo».

Unha inversión mínima para as veciñas e veciños das Neves

González subliña que As Neves é o primeiro concello do Condado que completa a renovación integral do seu sistema de alumeado, deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio. Ademáis, engade o responsable de Medio Ambiente, a renovación de todo o alumeado público tivo un orzamento total de 1.106.056,99 euros para os cales o Goberno local conseguiu unha financiación do 82.14% do total (900.198,77 €), isto supón, salienta, que Concello das Neves so inviste un 17,86% (197.550,90 €), «unha cantidade que en 2 anos e medio estará recuperada grazas ao aforro na factura eléctrica».

O tenente de alcalde apunta que a maior parte da inversión realizada procede de achegas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de fondos europeos, acadados polo Goberno das Neves nos últimos anos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.