As Neves será a sede da V Asamblea de Xornalistas e Escritores Saharahuis en Europa

Vintecatro profesionais, procedentes do continente, asisten a esta xuntanza, na que tamén intervirán o ministro do Sáhara para España e o representante para Europa do Frente Polisario

A fin de semana, As Neves acollerá a V Asamblea da Liga de Xornalistas e Escritores Saharauis en Europa. Trátase dunha xuntanza na que 24 profesionais, procedentes de diferentes puntos do continente debaterán sobre a actualidade que afecta á situación do Sáhara, avaliarán as iniciativas, accións e traballos realizados ata agora para trasladar a realidade das circunstancias nas que sobrevive a poboación dos campamentos de refuxiados, e buscarán o xeito de sensibilizar á opinión pública europea sobre a resistencia da derradeira colonia en África.

Esta asamblea, que inaugurará o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o vindeiro sábado, día 26 ás 10:30h., cobra especial importancia logo da última postura manifestada polo Goberno español, en consonancia cos de Alemaña, Francia e Marrocos, sobre a resolución da situación do Sáhara, e a resposta de Nacións Unidas pedindo apoio para os esforzos do Enviado para o Sáhara, Staffan de Mistura, «destinados a renovar o proceso político» de negociación entre as partes en conflito».

Durante estes dous días, estarán nas Neves, o delegado do Sáhara en Galicia, Mohamed Mehdi Zerga, Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, e intervirán por videoconferencia o representante do Frente Polisario para Europa, Ubbi Ubi Buchraya e o ministro do Sáhara para España, Abdulah Arabi.

Os participantes, que estarán aloxados no Hotel Nande, terán a oportunidade de coñecer As Neves e manter encontros con responsábeis públicos, representantes de entidades e asociacións  así coma con xornalistas galegos.

A clausura do encontro, á que están invitados todas as alcaldesas e alcaldes da zona do Miño, Juan González, presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, responsábeis do GDR Condado Paradanta, os membros do Intergrupo Paz e liberdade para o pobo saharauí do Parlamento de Galicia, que estiveron recentemente nos campamentos, e un representante da Xunta de Galicia, será o domingo ás 14:00h.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.