As primeiras sentenzas contra o Hotel Balneario do Tremo decretan a nulidade dos despedimentos por existir fraude de lei

Os Xulgados composteláns consideran que se produciu unha actuación fraudulenta para evitar cumprir cos dereitos de subrogación que asistían ao persoal desta instalación hoteleira e termal de Brión

Comisións Obreiras (CCOO) informa das primeiras sentenzas a favor dos traballadores e traballadoras que foran despedidos do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión. As tres resolucións xudiciais coñecidas ata o momento decretan a nulidade dos despedimentos por considerase acreditada a existencia dunha fraude de lei para evitar cumprir cos dereitos de subrogación do persoal. CCOO, sindicato que asesora os demandantes, congratúlase desta vitoria xudicial e agarda que as restantes sentenzas que aínda están pendentes se pronuncien na mesma liña.

En termos moi similares, estas primeiras sentenzas coidan acreditada a existencia dunha fraude de lei para conculcar os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do complexo hoteleiro e termal. A empresa, anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela, pechou a comezos 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

A sentenza recolle como feitos probados que a empresa deu de baixa o persoal na Seguridade Social o 15 de xuño e que só dous días despois se constitúe a nova empresa —que comparte cargos administrativos, instalacións, medios e provedores coa empresa extinta—. As novas contratacións comezan a producirse o 12 de xullo, menos dun mes despois, sendo incorporada á nova empresa aproximadamente a metade de traballadores e traballadoras que había antes do peche.

A interrupción do vínculo laboral durante este tempo, menos dun mes, impediría automaticamente que as traballadoras e traballadores puidesen exercer o seu dereito a seren subrogados nas condicións de traballo previas pola nova empresa. Non obstante, a Xustiza ditamina que «si cabería derivar a responsabilidade excepcionalmente á nova empresa» en caso de constatarse a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas codemandadas neste proceso.

Así o consideran os Xulgados composteláns, que verifican a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas Hotel Balneario do Tremo S. L., Balneario do Tremo S. L. e Balneario de Compostela S. L., decretando a nulidade dos despedimentos, instando ao pagamento dos salarios de tramitación e cantidades pendentes, así como á «readmisión inmediata» do persoal.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.