As primeiras unidades das novas bicicletas de BiciCoruña chegan este mes ás rúas

Duplicarase o número de estacións ata un mínimo de 55, que chegarán a barrios como a Agra do Orzán, Durmideiras e o Ventorrillo, conectándoos coa cidade baseándose na mobilidade sostible

O Concello da Coruña comezará este mes coa primeira fase de implantación das novas bicicletas do servizo de BiciCoruña, un proxecto asociado a súa Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) referida as actuacións e proxectos con fondos FEDER da Unión Europea.

O proxecto, que ten a finalidade de dotar á cidade dun sistema de préstamos de bicicletas moderno, seguro e en liña cos sistemas das principais urbes de Europa, está dotado cun orzamento de 1.792.030 euros e permitirá a renovación e ampliación do parque de vehículos existente: contempla a disposición dun mínimo de 514 bicicletas —334 máis que as dispoñibles actualmente—, das que 342 serán mecánicas e 129 eléctricas.

Incrementaranse, e case por partida tripla, os postos de ancoradoiro con base de carga, pasando dos 356 actuais a un total de 990 que estarán repartidos entre 55 estacións por toda a cidade, máis do dobre do número actual de estacións (23), chegando a barrios como a Agra do Orzán, Catro Camiños, Durmideiras, Eirís, Elviña, Novo Mesoiro e o Ventorrillo, así como a enclaves de primeira importancia cultural como o castelo de Santo Antón, o centro sociocultural Ágora e a Domus, tamén a polígonos como o de Agrela, conectando estes puntos coa cidade baseándose na mobilidade sostible.

Nesta primeira fase, centrada na renovación do sistema vixente, levarase a cabo a retirada e colocación dos novos vehículos nas 23 estacións da cidade, que tamén serán renovadas. Desde este mes, o proceso executarase de forma progresiva e gradual, para dar continuidade ao servizo de BiciCoruña durante o inicio dos traballos, durante a primeira fase, suspenderase temporalmente o servizo durante uns días ata completar a renovación das 23 estacións, suspensión que será compensada aos usuarios coa correspondente extensión de días de uso nas súas tarxetas. Ademais, tamén nesta primeira fase, poranse a disposición dos usuarios as primeiras bicicletas eléctricas.

A achega dos fondos Next Generation

A aposta polas bicicletas eléctricas é un dos sinais de identidade do proxecto de renovación do servizo de BiciCoruña. Neste sentido, e grazas á financiación dos fondos Next Generation acadada polo Goberno de Inés Rey durante este mandato (11 millóns de euros), poranse a disposición da cidadanía outras 165 bicicletas eléctricas que se sumarán ás 129 xa previstas ao comezo do proxecto de ampliación.

Ademais, e tamén grazas á achega dos fondos Next Generation, o Goberno municipal levará a cabo melloras e reformas no carril bici da cidade por valor de 1,5 millóns de euros, dando continuidade á aposta pola mobilidade sostible nas áreas urbanas, fomentando hábitos saudables e o coidado do medio ambiente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.