Avanza a renovación do alumeado público en Lugo cunha nova intervención nas rúas Quiroga, Portugal e Lamas de Prado

Alexandre Penas: «Continuamos coa mellora do alumeado público da cidade, instalando novas luminarias para mellorar a imaxe desta zona, reducindo o consumo eléctrico do concello»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a contorna da rúa Quiroga onde o Goberno de Lugo renovou a rede de alumeado público. Alexandre Penas explicou que «con esta actuación avanzamos na mellora da rede de alumeado público da cidade e melloramos do mesmo xeito a imaxe desta zona», e engadiu «avanzamos na instalación de alumeado LED de baixo consumo, que permite unha boa capacidade lumínica reducindo o consumo enerxético e as emisións de substancias contaminantes emitidas á atmosfera pola rede de alumeado público da cidade».

A concellería de Infraestruturas substituíu 17 puntos de luz de 70W por LEDs de 53W nas rúas Portugal, Quiroga e Lamas de Prado. O novo alumeado permite aforrar 289W con respecto á instalación previa, o que ao ano suporá reducir o consumo en 1.156 kWh e deixar de emitir 445 Kg de CO2 á atmosfera.

Desde a concellería de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, que se executarán durante o 2022. Nos últimos dous anos a área de Infraestruturas renovou o alumeado en múltiples zonas da cidade, instalando novas luminarias en rúas que non contaba con alumeado público, e reducindo a cantidade de luminarias con elementos contaminantes, como o vapor de sodio ou de mercurio instaladas na cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.