Avia Veira pregunta ao Goberno local se a Compañía de Tranvías entregoulle ao concello as cocheiras e os coches do servizo

“Que ten pensado facer o Goberno Municipal cos coches tranvía?”, inquire a concelleira Avia Veira

O 14 de decembro de 2020, o Goberno Local tomou a decisión de liquidar o servizo de transporte por rodadura fixa mediante tranvías. Quince meses despois, continúa pendente a entrega ao Concello por parte do titular da concesión, a Compañía de Tranvías, das cocheiras e o dos coches tranvía, de titularidade municipal de acordo co contrato subscrito.

Este é o motivo que leva a concelleira Avia Veira a lle formular unha pregunta por escrito ao Executivo coruñés. A edil nacionalista quere saber se a Compañía de Tranvías procedeu xa á entrega de instalacións e vehículos e, no caso de non o ter feito, que razóns explicarían o incumprimento do contrato. Caso de si o ter feito, Veira inquire o Goberno en que estado se atopan as cocheiras e os coches.

Alén diso, está a cuestión de que pensa facer o Goberno Local coa nave na que se gardaban os tranvías. Para o BNG, sería ben que se consultase o tecido asociativo do barrio en que se achan as instalacións, Monte Alto, “co fin de escoitar as súas propostas e necesidades para este espazo”.

“Que ten pensado facer o Goberno Municipal cos coches tranvía?”, conclúe a súa pregunta por escrito Avia Veira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.