Benzema. Por @DulceCorcu

Aquel «medo escénico» que antigamente era atribuído ao Santiago Berbanéu no torneo da Copa de Europa, fíxose presente na noite deste mércores coa remontada e vitoria sobre o PSG francés. Se houbo un protagonista ese foi Benzema, artífice dos tres goles e desa loucura desatada posteriormente entre seareiros e espectadores a este lado da pantalla do televisor e tamén polas rúas de Madrid. Non era para menos, dada a expectación creada previamente polo partido e polo plantel do equipo parisino, cos Messi, Neymar e Mbappé entre o seu firmamento estelar.

Pero ningunha estrela alumeou tanto como para eclipsar a Benzema. A ese xogador de trinta e moitos que nunca foi excesivamente mediático, nin ten ningún «Balón de Ouro», ese trofeo sempre reservado a figuras de portada e que acaparan moitos focos. Á sombra de Cristiano Ronaldo naquelas tempadas de grandes éxitos madridistas, menos carismático  e locuaz, Benzema explota e enmudece todo ao seu arredor. Fai tremer de indecisión ao que fora elixido mellor porteiro da Eurocopa, un Donnarumma que terá pesadelos co francés ao longo de moitas noites. Que quizais marque o seu futuro polo menos inmediato. Porque Benzema, na inmensidade do seu poderío puxo patas arriba non só unha eliminatoria, senón tamén un estilo e un xeito de ser. O do home tranquilo e anodino, sen ese fulgor característico que rodea a outros astros do balón, pero con vimbios de gladiador invencible capaz de deixar a escuras todo o universo parisien. O Real Madrid foi de novo o Real Madrid: o que é capaz de embarcarnos nos soños máis improbables para espertarnos no medio da gloria e o doce estupor. Nunha realidade onde Karim Benzema reina sen coroa nin trono, pero dono do corazón de todos os que onte vivimos apaixonamente a conquista dunha noite coa que agasallar para sempre á nosa memoria.

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.