Carta aberta a José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo

Esta semana asistimos asombrados a un programa radiofónico onde vostede participou e no que, falando das obras de humanización da Avenida de Vilaboa, foron lanzadas afirmacións que nos parecen de certa gravidade pola súa forma de retorcer a realidade.

En primeiro lugar, indicarlle que o BNG non está en contra de ningunha humanización urbana. Antes ben, as actuacións de humanización urbana dos gobernos BNG en distintos concellos do noso país gañan premios e son postos de exemplo en numerosos foros internacionais. Por iso podémoslle informar da necesidade de ter en conta as prazas de aparcamento alternativo para que residentes e visitantes poidan deixar os seus vehículos.
Por certo, aínda lembramos a posta en marcha en Culleredo dun «Camiño Seguro» que buscaba promover que os nenos e nenas das zonas urbanas fosen a pé aos centros escolares, fomentando estilos de vida saudábeis, e que vostede deixou esmorecer tan pronto puido.
Tamén ouvimos como vostede e o seu interlocutor no programa falaban de «intencionalidade política nas protestas veciñais». Chócanos que un político acuse á veciñanza de politizar asuntos derivados de decisións políticas, máis aínda cando vostedes afirmaron que esa obra se ía levar adiante porque era a súa promesa electoral.
As persoas que formamos parte do BNG estamos na política para axudar aos nosos veciños e veciñas. Pode ser que vostede entenda por «política» outra cousa, e de aí que empregue a palabra «politizar» cun significado negativo. Para nós a politización dos nosos veciños e veciñas non debería ser considerado un problema, senón un obxectivo, un síntoma de boa saúde dun sistema democrático. Queremos unha veciñanza informada e participativa.
Facémoslle un chamamento a buscar solucións reais aos problemas que lle foron expostos polos representantes veciñais. Solucións que non dependan de fallos xudiciais nin da vontade de terceiros.
Para rematar lembre que, aínda tendo obtido nas últimas eleccións a maioría absoluta, é o alcalde de todos os veciños e veciñas de Culleredo, incluso daqueles que non obtiveron representación, votaron en branco, nulo ou se abstiveron, e débelles un respecto e unha consideración.
Cos nosos mellores cumprimentos,

Asdo.: Alba Pérez, Responsábel Local do Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.