Concello de Lugo e USC recuperan documentación inédita do Cemiterio Municipal

Cristina López: «Esta acción permitirá recuperar documentación xerada entre os anos 40 e 80 do século pasado, coincidente coa posta en marcha do Cemiterio Municipal de San Froilán»

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López recibiron esta mañá ao Decano da Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, con quen o Goberno de Lugo asinou un convenio de colaboración para recuperar documentación inédita do Cemiterio Municipal. A concelleira responsábel do Cemiterio, Cristina López, explicou que «esta colaboración  permitiranos recuperar e poñer en valor nova documentación antiga, atopada recentemente nas instalacións do Cemiterio Municipal, mentres que as e os estudantes de Humanidades terán unha grande oportunidade para realizar prácticas de tratamento arquivístico con documentación real», explicou Cristina López.

A documentación procede dunha serie de caixas atopadas na sacristía da Capela do Cemiterio, e na revisión preliminar da mesma atopáronse  licenzas ou autorizacións de enterramentos, traslados de restos e permisos de obras. «As e os estudantes da USC poderán realizar todo o proceso de tratamento arquivístico desta documentación, pasando pola limpeza e a clasificación, ata a catalogación e dixitalización da mesma», declarou a concelleira de Participación.

Con esta acción o Goberno de Lugo recuperará documentación xerada entre os anos 40 e 80 do século pasado. Cristina López destacou a importancia desta colaboración, «dado que son documentos únicos que polas datas coinciden coa posta en marcha do actual Cemiterio Municipal de San Froilán». A concelleira de Participación agradeceu ao Decano de Humanidades da USC «a boa disposición para levar adiante este proxecto».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.