Convocados os premios Torrente Ballester de narrativa e Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña

A dotación do Castelao é de 6.500 euros en cada unha das súas dúas categorías, e de 15.000 € a do Torrente, tanto a do certame en lingua galega como o de en lingua castelá

A Deputación da Coruña vén de convocar dous dos seus premios á creación: o Torrente Ballester de narrativa e o Castelao de banda deseñada. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado 11 de marzo e o prazo de presentación de traballos publicarase no BOP en vindeiras datas.

O Torrente Ballester chega a súa 34º edición convertido “un dos premios máis veteranos dos que convoca a Deputación e un dos premios literarios máis prestixiados do panorama literario galego», en palabras do responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto. A dotación económica deste certame é de 15.000 euros para a persoa gañadora, tanto para obras presentadas en galego como para as presentadas ao premio en lingua castelá. A nómina de gañadores fala tamén da importancia do certame: Manolo Rivas, Ignacio Martínez de Pisón, Eli Ríos, Luísa Castro ou Blanca Riestra; ao que se lle suman Raúl Santos Ageitos, coa novela ‘Cornucopia’, e María Cureses de la Vega, coa obra ‘Ni luz ni llanto’, gañador e gañadora da última edición. En 2021, a área de Cultura da Deputación da Coruña recibiu 407 orixinais na convocatoria do Torrente Ballester en 2021; 330 presentáronse ao premio en castelán e 77 ao premio en galego.

Pola súa banda, os premios Castelao chegan á 17ª edición para repartir 13.000 euros, 6.500 ao gañador en cada modalidade a concurso:  a xeral, á que se poderán presentar obras dirixidas a todo tipo de lectores e lectoras, e a LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. Ademais, ao premio poderán optar proxectos —que consistirán nun dossier cun mínimo de 16 páxinas rematadas e unha sinopse detallada do contido da obra completa, cunha extensión máxima de tres páxinas—, e obras completas, tanto en guión como en debuxo, en cuxo caso deberán ser orixinais, inéditas e non publicadas, na súa totalidade ou parcialmente. A obra ‘Nós Seis’, da coruñesa Julia Lago (A Coruña 1994) foi a gañadora do certame en 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.