Cultura da Deputación da Coruña pon en marcha as Residencias Artísticas Mariñán

A área provincial de Cultura inicia unha nova liña de apoio á creación coa posta en marcha das residencias artísticas no Pazo de Mariñán, que se desenvolverán ao longo deste ano e terán a música e a literatura como leit motiv

A área de Cultura da Deputación da Coruña dá un paso máis na súa liña de apoio á creación e pon en marcha unha nova iniciativa: as Residencias Artísticas Mariñán. Unha aposta por promover a creación en galego, cunha visión contemporánea e consciente, que terá neste 2022 a produción musical e literaria como leti motiv.

“Trátase”, en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto, “dun formato único e moi novidoso para aproveitar un espazo singular como é Mariñán e poñelo ao servizo de procesos de creación artística”. Deste xeito, a área provincial de Cultura complementa con este novo proxecto de residencias creativas a súa aposta por apoiar activamente ás creadoras e creadores, como vén facendo desde hai anos coa convocatoria anual tando de  bolsas artísticas como de todo un amplo repertorio de premios e certames nos diferentes ámbitos e disciplinas.

Xurxo Couto incide ademais en que “esta nova iniciativa está concibida para dar cabida a toda a diversidade cultural do momento, polo que estamos a falar de convocatorias abertas e cunhas bases que permiten a concorrencia de todo o tecido creativo que temos no país a día de hoxe”. Neste momento vén de abrirse a convocatoria para participar nas residencias musicais e nos vindeiros meses está prevista a publicación da convocatoria para concorrer ás residencias dedicadas a ‘letras e pensamento’.

Aberto prazo para as residencias musicais

Desde hoxe, 28 de marzo e ata o 19 de abril, permanece aberto o prazo de solicitudes para que bandas ou artistas presenten propostas para participar nas residencias dedicadas á produción musical. Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse catro proxectos do ámbito musical para desenvolver a súa residencia creativa no Pazo de Mariñán. Cada residencia terá unha duración máxima de 7 días, das cales dúas se desenvolverán no mes de maio e dúas no mes de novembro.

As propostas presentadas poderán corresponderse con calquera estilo musical e deberán estar compostas de repertorio propio, agás as baseadas na música tradicional, e a lingua principal deberá ser o galego, aínda que tamén poderá haber presenza doutros idiomas. Para elixir as catro propostas que participarán nesta iniciativa, nomearase un xurado composto por persoas expertas no ámbito musical que terán en conta criterios como a singularidade e calidade artística do proxecto, a viabilidade, o potencial de proxección social, a innovación e orixinalidade artística ou conceptual, a implicación co territorio, a igualdade de xénero no elenco artístico e técnico, a vinculación con creadores e creadoras doutros territorios ou disciplinas, e as opcións de co-produción  con outras residencias, festivais ou espazos de programación.

A residencia inclúe a dotación material necesaria para o desenvolmento do proxecto, tales como os espazos axeitados no Pazo de Mariñán, manutención e aloxamento para as persoas participantes e equipamento técnico; así como un acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria das residencias que ten por obxecto facilitar a viabilidade da proposta e a súa inserción no contexto musical profesional, para o que se facilitará formación específica para a profesionalización e a distribución do proxecto e xuntanzas con axentes culturais e programadores.

Mariñán como espazo creativo

O Pazo de Mariñán xa acollera no pasado exercicio unha iniciativa previa relacionada coa convivencia artística, no marco do programa Patrimonio GZ Sons!. Daquela fora o produtor Raül Refree o que encabezara unha residencia artística desenvolvida en marzo xunto a compiladores e artistas referenciais da música tradicional galega. Nesta estadía, en colaboración con LUNEDA PRODUCIÓNS, participaran algúns dos proxectos musicais máis interesantes da renovación da tradición musical, como Tanxugueiras, Caldo, Oîma, Caamaño & Ameixeiras e os luthiers Jose Catoira e Pablo Sánchez Otero.

Xa neste ano 2022, a comezos do mes de marzo foron cinco as artistas que participaron no proxecto LabCareixa, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais tamén organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O proxecto, comisariado por Sergio Marey, baséase nun novidoso proceso de experimentación, formación e creación artística colectiva, e o resultado final de todo o proceso será a construción e presentación dunha peza escénica, de natureza performática, que se exhibirá publicamente en Mariñán no mes de abril.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.