De Marín a Ucraína. Quilómetros de solidariedade

O venres 1 abril a partir das 10.00h no Parque Eguren de Marín (garantindo as medidas COVID de seguridade) terá lugar a actividade Quilómetros de Solidariedade que consistirá en recorrer simbolicamente con moedas os 3.920 quilómetros que separan Marín de Ucraína favorecendo un “Corredor Humanitario” 

Xa pasou un mes desde que o exército ruso iniciou a invasión de Ucraína e, aínda que temos a esperanza de que a guerra cese, seguimos impactados ante as terribles imaxes de sufrimento que está a padecer o pobo ucraíno, entre eles moitos nenos e nenas. Porén, estamos vendo tamén mostras enormes de solidariedade e apoio por parte de moitas persoas conmovidas ante o que está a ocorrer.

Nesta situación non podemos quedar impasibles ante tanto sufrimento. Por iso, desde o COLEXIO e en colaboración coa ANPA MARTÍN HERRERA, queremos sumarnos a esta “marea de axuda” organizando unha ACTIVIDADE SOLIDARIA á que chamamos “QUILÓMETROS DE SOLIDARIEDADE”.

A actividade consistirá en recorrer simbolicamente con MOEDAS os quilómetros que nos separan de UCRAÍNA favorecendo un “Corredor Humanitario” co que queremos mostrar a nosa solidariedade con este país que sofre as consecuencias dunha terrible guerra; un xesto que demostre que o noso corazón está co pobo ucraíno e con tantos inocentes que teñen dereito a medrar en paz.

A actividade desenvolverase o VENRES 1 de ABRIL a partir das 10.00h NO PARQUE EGUREN (garantindo as medidas COVID de seguridade). Os alumnos e demais persoas que se acheguen irán completando coas súas moedas eses 3.920 kms que nos separan de Ucraína.

Neste momento a axuda económica é fundamental, xa que hai grandes dificultades para facer chegar de forma rápida todo o que se está a recoller (roupa, alimentos, medicinas…), ademais do custe económico que iso supón. Por outra banda, os refuxiados que logran saír do país necesitan axuda inmediata para sobrevivir e viaxar a lugares máis seguros.

Compartir fainos mellores persoas a todos. Como docentes, pais e nais é, ademais, unha gran oportunidade para reflexionar cos nosos alumnos e fillos sobre a situación que viven outros nenos, sensibilizalos e ofrecerlles a posibilidade de aportar o seu gran de area nesta traxedia na que todos nós debemos estar unidos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *