DOA completa o ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, cun concerto en directo para revivir o álbum ‘O son da estrela escura’

Este concerto único, que terá lugar o 9 de abril no Teatro Colón, recuperará o repertorio do primeiro disco editado pola primeira discográfica galega en 1979

‘O son da estrela escura’, o primeiro disco editado pola primeira discográfica galega, volverá soar en directo máis de corenta anos despois. Será o 9 de abril no Teatro Colón, no marco do ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, unha iniciativa recentemente posta en marcha pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa finalidade de recuperar a través de concertos en directo álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego.

Este será o terceiro concerto do ciclo e subirá ao escenario do Teatro Colón ao grupo DOA, que revivirá ‘O son da estrela escura’ editado en 1979 pola discográfica Ruada. “Esta iniciativa nace co obxectivo de dar a coñecer a públicos actuais os traballos discográficos dun momento clave para a cultura galega” lembra o deputado de Cultura, Xurxo Couto, ao tempo que indica “que serven para homenaxear e poñer en valor o traballo de toda aquela xeración artística de finais da década de 1970”. Convén lembrar que ‘Pioneirxs da música galega’ comezaba cun concerto de Pilocha –o 12 de febreiro-, e continuaba con Miro Casabella – o 5 de abril-, ambos cun importante éxito de público.

Xurxo Couto acompañou esta mañá a dous dos membros fundadores de DOA, Xoán Piñón e Miro Casabella, na visita que realizaron ao Teatro Colón para preparar a cita de abril. Tanto Xoán Piñón como Miro Casabella aproveitaron para comentar o nacemento daquel primeiro traballo da formación e aseguraron que “naquel momento non eramos moi conscientes da importancia do que estabamos a facer e moito menos do que este disco ía representar co tempo”. Lembraron, ademais, que a boa acollida de ‘O son da estrela escura’ por parte do público “fora todo un fito para a casa de discos naquel momento” e que mesmo chegaran a tocar en lugares como Nova York e Montreal.

O concerto de DOA no Teatro Colón estará dedicado a Xaquín Blanco, membro fundador do grupo xa falecido, e xuntará sobre o escenario a Miro Casabella, Xoán Piñón e Bernardo Martínez, que contarán con Eduardo Coma como músico convidado. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.

DOA (1978-2022) é considerado como un dos referentes dos grupos en activo anteriores á década de 1980. O seu estilo musical, está baseado en xuntar tendencias musicais diversas coa música popular e medieval de Galiza con arranxos e composicións libres e heterodoxos. Na elaboración do disco ‘O son da estrela escura’ partiron de partituras existentes en distintos cancioneiros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.