El Comité Intercentros da CRTVG denuncia a instrumentalización da TVG a prol dos intereses da empresa promotora da mina de Touro

A representación sindical apoia a reclamación do cesamento do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo 

 O Comité Intercentros da CRTVG secunda e fai súa a denuncia pública da Plataforma veciñal Cornado Mina Non, pola utilización dos servizos informativos da CRTVG a favor da empresa promotora da mina de Touro e as súas filiais Explotaciones Gallegas e a multinacional chipriota Atalaya Mining, que dende hai anos pretende reabrir un proxecto coma o da mina de Touro, con consecuencias imprevisibles para as comarcas de Arzúa e Santiago e a ría de Arousa.

Así mesmo, a representación unitaria do persoal da CRTVG apoia a reclamación de dimisión do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, por este novo e inaceptábel episodio de manipulación informativa, contrario aos principios de obxectividade, imparcialidade, veracidade, e neutralidade informativa nos que se debe inspirar a actividade de comunicación audiovisual da Corporación.

Como denuncia a plataforma veciñal, a utilización descarada dos medios públicos vense facendo dende o pasado 10 de marzo, en que a TVG presenta como un proxecto “sostíbel” o anuncio da empresa Cobre San Rafael dun investimento en restauración de augas, cando en realidade esta actuación parte da obriga que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas impuxo a Explotaciones Gallegas como propietaria dos terreos da mina de Touro en 2018, logo de máis de 30 anos de abandono das súas obrigas legais.

Ao mesmo tempo, a TVG silencia as voces autorizadas de organizacións como ADEGA ou a Sociedade Galega de Historia Natural e as fundamentadas queixas da veciñanza, na denuncia dun proxecto que xa foi maioritariamente rexeitado tanto pola cidadanía como pola Administración pola súa inviabilidade técnica e ambiental.

O Comité Intercentros fai un chamamento para os poderes públicos de Galiza teren a determinación necesaria para poñer fin, dunha vez por todas, á noxenta manipulación informativa na CRTVG. Cómpre o inmediato cesamento de Alfonso Sánchez Izquierdo e a designación por unha maioría cualificada do Parlamento galego dunha nova Directora Xeral que garanta os valores do pluralismo, a veracidade e o acceso a fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada, como alicerce dunha sociedade verdadeiramente democrática.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.