FEGADACE e o Concello de Ponteareas colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla

A actividade informativa vai ter lugar o martes 5 de abril na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Ponteareas pola man da colaboración entre o concello pontevedrés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Ponteareas: Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, de ámbito provincial.

Esta charla vai ter lugar o martes 5 de abril ás 17:30 hh. na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas. O acceso é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 652 770 653.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Ponteareas e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.