FEGADACE sensibilizará aos veciños de Oleiros sobre a prevención do dano cerebral cunha charla e unha exposición

A partir do vindeiro luns, día 14 de marzo, FEGADACE e o Concello de Oleiros desenvolveremos dúas actividades para sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido: unha mostra, que se poderá ver ata o día 23, e unha charla, o mesmo luns ás 20:00 h.

A información sobre o dano cerebral adquirido chega a Oleiros pola man da colaboración entre o concello coruñés e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A actividade informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo Oleiros: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña.

Esta charla vai ter lugar o luns 14 de marzo ás 20:00 hh. no Centro Cultural A Fábrica (Rúa do Inglés, s/n – Perillo). Para asistir cómpre inscribirse en calquera dos seguintes números de teléfono: 881 943 148 ou 652 770 653.

Proxecto ‘Punto e seguido’

A exposición poderá verse desde o mesmo día da charla, tamén no Centro Cultural A Fábrica, e ata o 23 de marzo. O horario de apertura é de 08:00 a 15:00, todos os días.

As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Oleiros e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.