Formoso critica a entrada de Vox no goberno de Castela e León: “Se esta é a moderación de Feijóo, a imaxe de Galicia queda seriamente danada”

O líder dos socialistas galegos considera este acordo de goberno unha “mala noticia para a democracia española”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considera o acordo de goberno entre PP e Vox en Castela – León unha “mala noticia para a democracia española”. En declaracións aos medios hoxe en A Coruña, dixo que “se esta é a moderación de Feijóo, a imaxe de Galicia queda seriamente danada”.

O líder dos socialistas galegos sinalou que o caso de Castela – A Mancha é “a primeira vez en toda Europa que a ultradereita entra no executivo dun goberno rexional”, logo dun acordo que deixa en mans daquel partido a vicepresidencia, tres consellerías e a presidencia da Cámara autonómica.

Apuntou que o propio presidente do PP Europeo, Donald Tusk, cualificou de “mala noticia” e de “capitulación” a decisión do partido de Feijóo no momento en que este vai asumir a súa dirección logo da defenestración de Pablo Casado.

Porto Exterior

Valentín González Formoso fixo estas declaracións antes da visita da ministra de Transportes, Raquel Sánchez, ao Concello de A Coruña, para presentar a licitación do enlace ferroviario ao Porto Exterior. Explicou que responde ao “cumprimento da palabra dada, nesta mesma casa –o Concello de A Coruña-, onde tódalas institucións reclamamos a conexión ferroviaria”.

Salientou que “hoxe está licitada a obra, e polo tanto en pouco tempo será unha realidade, o que é a mellor maneira de cumprir co país”. Lembrou a unanimidade para demandar a infraestrutura, imprescindible para garantir a súa operatividade e competitividade para toda a provincia e toda Galicia.

Aludiu á conexión ferroviaria co Porto Exterior como unha “infraestrutura estratéxica” que suporá un investimento para a comarca coruñesa de 140 millóns de euros con cargo aos fondos Next Generation EU.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *