Galicia e Francia impulsan a colaboración en proxectos educativos, lingüísticos e culturais

A Xunta asina convenios coas Région Académique Hauts de France e Région Académique Bretagne para intercambios de alumnado e profesorado e a posta en común de boas prácticas

Galicia e Francia impulsan a colaboración en programas educativos para o fomento das linguas e culturas propias, sobre todo no que atinxe á mobilidade e ao intercambio de alumnado e profesorado entre centros, así como á posta en común de proxectos de boas prácticas.

Así se deriva do encontro mantido entre un equipo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade presidido polo secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, e unha delegación de representantes da Région Académique Hauts de France e da Région Académique Bretagne, que se atopa de visita en Galicia.

A relación da Xunta coas mencionadas entidades académicas francesas queda reflectida en dous convenios de colaboración específicos a través dos cales se desenvolverán proxectos de intercambio educativo con estadías de alumnos e profesores galegos en centros franceses e viceversa. Tamén se está analizando a posibilidade de incluír nestes intercambios os períodos de prácticas de alumnado de Formación Profesional que cursa ciclos plurilingües con materias en francés.

Estes acordos, que se enmarcan dentro da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, teñen como obxectivo favorecer o diálogo lingüístico e cultural entre ambas partes, creando lazos de unións entre os alumnos coa vista posta nunha posible mobilidade física durante os vindeiros cursos.

Abano de programas en lingua francesa

Os centros educativos galegos contan cun amplo abano de programas de aprendizaxe en lingua francesa, así como con accións específicas de formación do profesorado. De feito, no presente curso escolar Galicia conta con 28 auxiliares de conversa nesta lingua procedentes de catro nacións distintas (Francia, Canadá, Bélxica e Marrocos) que imparten docencia como profesores de apoio nos centros plurilingües en francés así como nas Escolas Oficiais de Idiomas.

No que atinxe aos programas de intercambio lingüístico e cultural cómpre destacar o programa Galimiens que leva a cabo a Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Académie d’Amiens (agora Région Académique Hauts de France) co fin de potenciar a aprendizaxe activa da lingua francesa ao noso alumnado e mellorar a súa competencia lingüística neste idioma. Este ano, debido ao contexto de pandemia, a iniciativa -dirixida a alumnado de 3º e 4º de ESO- estase desenvolvendo de xeito virtual, coa participación dun cento de alumnos de dez centros educativos.

Outra das iniciativas a desenvolver é o Delf Escolar, para que o alumnado de ESO e Bacharelato que cursa francés como lingua estranxeira realice as probas de certificación correspondentes. No pasado curso preto de 1.000 estudantes acadaron dita certificación.
Ademais, o IES Plurilingüe Neira Vilas de Oleiros -o único centro plurilingüe en francés en Galicia- ten implantado o BachiBac, o programa de dobre titulación de Bacharelato e Baccalauréat, que permite o acceso aos estudos superiores e á formación e á actividade profesional, tanto en España como en Francia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.