Galicia rexistrou o inverno coa menor cantidade de chuvia da década

Decembro destacou polas súas altas temperaturas, que o converten no terceiro máis cálido da serie histórica, mentres que xaneiro e sobre todo febreiro foron moi secos

Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010.

No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes. A temperatura media situouse en 10,8 graos, é dicir, 2,1 graos por riba do habitual, e o pasado decembro acabou sendo o terceiro mes máis cálido de toda a serie.

O ano 2022 comezou coa mesma tónica aínda que neste caso as maiores anomalías se rexistraron nas máximas, extremadamente cálidas para esta época. Pola contra, as temperaturas mínimas foron moi frías o que explica que no seu conxunto xaneiro fora un mes cálido. O predominio anticiclónico se mantivo tamén durante febreiro, outro período que segundo o informe de MeteoGalicia debe considerarse cálido, cunha anomalía positiva da temperatura media de 0,9 graos.

En canto á distribución xeográfica, o comportamento dos termómetro foi desigual. Así, mentres a media no conxunto da Comunidade se situaba en 8,7 graos —é dicir, 1,15 graos por riba do agardado—, no macizo ourensán de Manzaneda quedouse en 2,7 graos e no litoral e en gran parte da provincia de Pontevedra rozáronse os 13,1 graos.

No que respecta á chuvia, Galicia viviu no seu conxunto un trimestre seco, cunha porcentaxe de precipitacións un 37 % inferior á do período de referencia. Esta tendencia foi acentuándose a medida que avanzaba a estación climatolóxica e de feito, o inverno empezou con valores normais e acabou evolucionando a moi seco.

Decembro estivo marcado por dous períodos de borrascas que coincidiron co inicio e co final do mes, o que permitiu que nas 16 estacións máis representativas da Comunidade se recollera unha media de 186 L/m2, un 3 % por riba do normal.

Pero a situación mudou a partir do 10 de xaneiro, cando o predominio anticiclónico e a estabilidade atmosférica se converteron na tónica dominante na Comunidade ata o fin do período. O informe de MeteoGalicia conclúe que ambos meses foron moi secos, cun déficit hídrico do 67 % no caso de febreiro e un valor medio de precipitacións de 38 L/m2. Neste sentido, febreiro tamén foi o mes máis seco da década, por detrás unicamente do de 2012.

O reparto da chuvia non foi homoxéneo en toda a Comunidade aínda que, en xeral, choveu menos do esperado. Os valores máis baixos concentráronse no sur da provincia de Lugo e en gran parte da provincia de Ourense, especialmente na comarca de Valdeorras, onde apenas se rexistraron 79 L/m2 durante os tres últimos meses.

A excepción foron os municipios de Navia de Suarna e Negueira de Muñiz, con precipitacións un 93 % por riba do normal, unha situación en claro contraste co déficit hídrico detectado na provincia de Ourense e máis concretamente na zona de Valdeorras, onde o pasado inverno se recolleu un 90 % menos de chuvia do que cabería agardar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.