Gómez Reino pide a actuación inmediata do Ministerio para evitar que a frota suspenda a súa actividade polos altos prezos dos carburantes

Solicita a atención urxente ao sector por parte do Ministro Planas ante o inminente desabastecemento dos mercados e a subida de prezos

Antón Gómez Reino, portavoz de pesca de Unidas Podemos, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados alertando sobre o parón da frota pesqueira pola subida dos prezos dos carburantes.

Este incremento de prezos, primeiro polos efectos da crise sanitaria e agora polos da guerra en Ucraína, está a provocar que a frota pesqueira de diferentes portos de Galicia, Asturias, Andalucía e outras comunidades suspenda a súa actividade de maneira temporal ata que non se dea unha solución a esta problemática. Xa hai barcos amarrados que non saen a faenar nos portos de Vigo, Burela, Celeiro, Almería, Ayamonte, Isla Cristina, Barbate ou Caleta de Vélez, entre outros, e anuncios de que o parón vai ser xeral nos próximos días de ter continuidade esta situación. A Federación Nacional de Confrarías de Pescadores avoga por estender o amarre da frota pesqueira a todo o Estado ante esta situación «inviable».

Este xoves o tamén secretario xeral de Podemos Galicia mantivo unha xuntanza con representantes do sector pesqueiro, entre eles, a Federación Galega de Confrarías, a Federación Provincial de Lugo, Confrarías Asturianas e CEPESCA. Segundo Gómez Reino, este incremento dos custos de explotación á frota pesqueira fai directamente «non rendible» a súa actividade, polo que se require unha actuación urxente por parte do Ministerio que sirva de maneira efectiva para a resolución desta problemática.

O portavoz propón atender ás propostas que fai o propio sector, como a activación das axudas «minimis» e o establecemento de medidas suplementarias. «Se non se afronta de maneira inmediata esta situación, o sector pesqueiro vai sufrir un impacto do que será difícil recuperarse, ao que se sumará o desabastecemento dos mercados e o incremento de prezos para os consumidores finais».

Neste senso, incidiuse na necesidade de que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación impulse medidas complementarias con outras Administracións Públicas, coa Unión Europea e outros organismos internacionais. Para Gómez Reino «estamos ante unha problemática que afecta de maneira xeneralizada a todo o mundo, polo que as respostas deben ser tamén globais e coordinadas a diferentes escalas. Non se pode concibir que os organismos que rexen o sector a nivel internacional miren para outro lado, ou que as solucións propostas non conten co apoio das diferentes administracións competentes».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.