Jéssica. Por @DulceCorcu

Cantas máis novas se van dando sobre como vivía Jéssica Méndez antes de ser asasinada polo seu acosador e veciño José Eirín, máis arrepiante resulta poñerse na súa pel. Porque en tantos anos, prácticamente dende a súa nenez, nada nin ninguén impedíu a Eirín sometela a un acoso e vixianza continua, implacable e incansable. Mudar de número de móbil e poñer cámaras no domicilio, as desesperadas tentativas de Jéssica para acabar co inferno que vivía, pero que foron insuficientes. Nunca puxo unha denuncia, só o fixo unha vez seu pai sen que servira de gran cousa. Quizais Jéssica era consciente da dificultade de demostrar unha situación como a que estaba a vivir, ou tamén pensaba no longo tempo de trámites e desagradables situacións polas que lle farían pasar. Ser tildada de esaxerada, unha delas, porque hai xente, tamén autoridades e xuíces, para quenes ese tipo de denuncia só son gañas de arruinarlle a vida a algún home.

Ela vivía así, con ese peso ás costas como se fose algo normal, que tivese que sufrilo porque a fin de contas era alguén coñecido, un veciño e pertencente a unha familia coa que a súa propia familia mantiña estreitas relacións. Era impensable que puidese acontecer algo así aínda que acontece con demasiada frecuencia. Ninguén agardaba que José Eirín, media vida fustigando a Jéssica e fartándose a repetir a quen quixera escoitalo que «ou miña ou de nimguén» fose capaz de empotrar o seu coche contra o dela e acabar esmagándoa nun cruce non moi lonxe das súas respectivas casas. Os sinais ao longo dos anos da obsesión e persecución de Eirín non foron suficientes para tomalo en serio e supoñer que podía darse este fatal desenlace. Subestimar o machismo demasiadas veces custa vidas. Nin sequera será considerado un crime por violencia de xénero, porque non eran parella nin o foran nunca, pero Jéssica foi asasinada precisamente por ser unha muller desexada por un home ao que non correspondía. E iso, para un machista, non podía quedar así.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.