Jorquera denuncia que na política do Goberno local hai “déficits evidentes en materia de transparencia”

O BNG vai levar o asunto ao Pleno deste xoves en forma de pregunta oral

Os “déficits evidentes” do Goberno Local en materia de transparencia constitúen o argumento dunha pregunta oral que lle vai dirixir o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, ao Executivo coruñés no Pleno ordinario de marzo deste xoves 10M.

O Goberno Local comprometeuse no se día a presentar na Comisión de Transparencia un informe anual das políticas en curso nesta materia. Promesa incumprida, denuncia Jorquera. O compromiso do Goberno Local incluía tamén o envío a esa Comisión de informes trimestrais de contratación pública ou semestrais de gastos de publicidade e propaganda.

Mais o problema é que tampouco se está a convocar ese órgano do Concello, presidido pola Marea Atlántica. “Non sei se a non convocatoria desa comisión fai parte do pacto orzamentario ao que chegaron os grupos municipais do PSdeG-PSOE e a Marea”, ironiza Jorquera.

“En todo caso, a ausencia dunha política de transparencia digna de tal nome vese reflectida no feito de unha xuíza terlle lembrado ao Concello que o Estatuto do Empregado Público outorga aos delegados do persoal o dereito a recibiren información sobre distintos aspectos relativos ás políticas de persoal”.

Esa mesma xuíza lembroulle ao Goberno Local que a Lei de Transparencia recolle que todas as persoas teñen dereito a acceder á información pública, polo que a maxistrada estimou un recurso da CIG instando o Executivo coruñés a cumprir coa súa obriga de lle fornecer a información que as persoas representantes da central sindical lle solicitaron (neste caso, sobre os nomeamentos de funcionarias e funcionarios en comisión de servizo desde 24 de xuño de 2019).

O BNG empraza o Goberno Local en definitiva “a cumprir cos seus compromisos en materia de transparencia e a que proporcione aos grupos municipais e á representación do persoal do Concello a información que demandan”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.