Liberado na Lanzada o mazarico negro curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade

O animal foi posto en liberdade cunha anela metálica tradicional e con outra de lectura a distancia, facilitada pola Estación Biolóxica de Doñana, xa que esta especie é a única á que se lle realiza este proxecto de control en España

A Xunta de Galicia liberou e devolveu á natureza na contorna da Lanzada un exemplar de mazarico negro (Plegadis Falcinellus) que foi curado no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade. O acto de solta desta ave tivo lugar a primeira hora desta mañá no observatorio de aves deste areal no Grove por parte do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, e técnicos deste departamento.

Este mazarico, tamén chamado popularmente morito común, foi atopado por vixiantes de Recursos Naturais da Patrulla de Desembocaduras o pasado 22 de febreiro nun xardín dunha vivenda de Campañó, no municipio de Pontevedra, e entregouse no centro autonómico para a súa recuperación, xa que se atopaba en mal estado.

Tras unha primeira exploración, observouse que presentaba debilidades nos membros posteriores e unha lixeira apatía, aínda que as constantes vitais e o peso se movían en valores normais. Paralelamente, e tendo en conta os hábitos desta ave e que procedía dunha Zona de Especial Vixilancia, aplicouse o protocolo de seguridade sanitaria e tomáronse mostras de influenza aviar.

Este animal estivo a tratamento durante 13 días no CRFS de Carballedo, seis deles na UVI, con fluidoterapia, unha alimentación axeitada na que se misturaron líquidos e sólidos e, finalmente, exercicios no túnel de voo, que se foron combinando coa súa presenza nas estancias de aves para que fora gañando musculatura. Despois de garantir a súa axeitada recuperación e comprobar que xa estaba listo para volver á natureza, programouse a súa solta neste hábitat da Lanzada, moi propio para esta especie e situado nas inmediacións dun dos observatorios de aves máis importante do complexo intermareal Umia-O Grove.

Este mazarico negro foi posto en liberdade cunha anela metálica tradicional, de gran utilidade para recoñecelo en caso de que no futuro sufra algún problema, e con outra de lectura a distancia, que foi facilitada pola Estación Biolóxica de Doñana, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Cómpre sinalar que esta especie é a única á que se lle realiza este proxecto de control en toda España pola súa gran riqueza e valor á hora de ter datos sobre a evolución dos distintos hábitats e ecosistemas.

Trátase da segunda ave da especie do mazarico negro que foi tratada no CRFS de Carballedo desde finais do pasado ano, cando no mes de decembro tivo que atenderse a outra rescatada na zona portuaria de Vigo.

“A Xunta ten un indiscutible compromiso co medio ambiente, a natureza e a biodiversidade e desenvolve unha política transversal que inclúe dende o tratamento e reciclaxe de residuos ata o coidado dos espazos e paisaxes, pero tamén dispoñemos de cousas máis descoñecidas, como este servizo tan avanzado do centro de fauna, que nos permite recuperar aos animais salvaxes cando están feridos e devolvelos, nun acto tan bonito coma o de hoxe, ao seu ecosistema para manter esta riqueza natural que temos a sorte de ter e que coidamos dende o Goberno galego”, concluíu o delegado territorial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.