Lugo aposta por reforzar o asesoramento rural ante os retos que supón o vindeiro período da PAC

A área dirixida por Mónica Freire achegará 5.000 euros á Asociación de Asesores Rurais de Galicia, que promove a formación contínua e a participación destes profesionais en órganos consultivos das administracións

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo apoiará a actividade da Asociación de Asesores Rurais de Galicia cunha achega de 5.000 euros.

A deputada Mónica Freire, que manifestou o apoio á entidade desde a súa creación, concretou que “con esta colaboración queremos contribuír a consolidar a estrutura e a actividade da Asociación de Asesores Rurais que se constituíu o pasado setembro en Lugo e que xerou un gran interese neste ámbito profesional, integrando máis de 40 persoas de toda Galicia, a maioría deles da provincia, nestes primeiros meses”.

“Desde a área de Medio Rural comprobamos día a día, no contacto coas persoas que traballan no sector primario, a importancia que estas e estes profesionais de entidades de aconsellamento agrario, asesorías, cooperativas e oficinas de extensión agraria teñen á hora de facilitar a relación entre as administracións e o sector e na orientación das ganderías e das produción agrarias a modelos sostibles e adaptados ao territorio. Esta colaboración económica coa asociación é, sobre todo, un recoñecemento e un apoio á súa labor”, indicou a responsábel provincial.

Mónica Freire subliñou “a importancia que estes perfís profesionais teñen na provincia de Lugo, polo peso territorial e económico do sector primario e porque moitas das profesionais saen das titulacións que temos no Campus Terra” e incidiu na “vital relevancia que a figura do asesor rural acadará no vindeiro período da política agraria común, xa que ocupa un papel central na aplicación das políticas de desenvolvemento rural, a través da metodoloxía AKIS: sistemas de coñecemento e innovación agrícolas”, concluíu.

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia, con sede na Escola Politécnica de Enxeñaría (EPS) do Campus Terra,  ten entre os seus obxectivos  a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos profesionais da asesoría rural, promover a súa formación contínua e permanente en colaboración coas universidades ou participar en consellos, comisións e órganos consultivos das administracións, así como noutros foros nos que se aborden materias relacionadas co desenvolvemento rural.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.