Lugo, Vilalba e Burela acollen novas presentacións do libro de Antón Meilán sobre a torre de Caldaloba

Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, de Antón Meilán, será presentado este venres no Vello Cárcere de Lugo, nun acto organizado polo Clube Cultural Valle Inclán, o Centro Social Mádia Leva, A.C. Lugo Patrimonio, A.C. Cultura do País e Amigos do Castro de Viladonga
Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, de Antón Meilán, será presentado este venres, día 11 de marzo, ás 19.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo, nun acto organizado polo Clube Cultural Valle Inclán, o Centro Social Mádia Leva, A.C. Lugo Patrimonio, A.C. Cultura do País e Amigos do Castro de Viladonga. O acto, en que estará o propio autor, o mindoniense e profesor emérito da Universidade de Oviedo, Antón Meilán, será introducido polo arqueólogo, historiador e museólogo, Felipe Arias.
O mesmo venres, día 11, ás 16 horas, diante da Casa da Torre de Pedro de Bolaño, en Burela, Antón Meilán, na compaña do profesor Bernardo Penabade, dará a coñecer á veciñanza esta publicación e durante a mañá manterá unha palestra co alumnado do I.E.S Perdouro da localidade burelá.
O día anterior, xoves 10 de marzo, ás 20 horas, en Vilalba, e organizada polo IESCHA, tamén se levará a cabo na Casa da Cultura da localidade, coa presenza do autor e a participación de Marisa Barreiro e Chema Felpeto, unha presentación deste traballo editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e promovido por máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes que exixen que Caldaloba ou Vilaxoán pase a propiedade pública e se leve a cabo a súa recuperación e posta en valor dun ben que ten un valor histórico e simbólico importantísimo para a descuberta dun capítulo transcendental da historia de Galiza, frecuentemente agochado e negado.
Meira, Cospeito, Xermade… serán os próximos lugares onde será difundida a publicación en próximas datas.