Mercedes Queixas rexistra unha batería de iniciativas sobre a Filmoteca de Galicia, sen dirección desde 2019

A deputada do BNG Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego –interpelación, pregunta por escrito, preguntas orais en Pleno e en Comisión- en relación á Filmoteca da Galiza, antigo Centro Galego de Artes da Imaxe

A Filmoteca, cuxa sede se acha na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, número 10), presenta numerosas deficiencias, entre elas que a praza de director/a estea vacante desde 2019, ben como a súa programación se ten visto interrompida pola demora no proceso de licitación das obras de renovación da cabina de proxección e do patio de butacas, actualmente en andamento as primeiras e pendente de comezo as segundas.

“Xa en marzo de 2021 –lembra Queixas na exposición de motivos da interpelación que defenderá no Pleno da cámara- o grupo parlamentar do BNG urxiu a Xunta a activar medidas para impulsar o antigo CGAI”.

Entre elas, cubrir a vacante do director/a, mellorar as instalacións e promover a actividade audiovisual e cultural, abrir ao público a biblioteca e a mediateca, preservar o arquivo histórico documental e cinematográfico ou ensanchar o proxecto didáctico.

Todas estas demandas fóronlle trasladadas, en sede parlamentar, ao director do AGADIC, Jacobo Sutil, nesa altura de marzo de 2021. “Sutil foi absolutamente vago nas súas respostas e afirmou falsamente que a praza de director/a ía ser cuberta axiña. Non o foi até agora”.

Pois ben, a situación continúa basicamente nas mesmas, o que anima agora a Queixas a formular esta batería de iniciativas e a, entre outros aspectos, se interesar polas razóns que explican a demora no proceso de licitación das obras da cabina e da sala de proxección.

A deputada nacionalista quere saber tamén por que se cancelou toda a programación da Filmoteca o 6 de outubro de 2021 cando as obras aínda demorarían en se pór en marcha e se se procuraron espazos alternativos de exhibición de filmes para non interromper a actividade normal do centro mentres durasen os traballos de renovación das instalacións.

Por último, Queixas inquire o Goberno Local por que razón non estivo representada a Filmoteca galega na recente xornada profesional realizada no Consello da Cultura Galega “Filmotecas e patrimonio audiovisual”, cando o resto de centros desta condición do Estado español.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.