Novas actividades gratuítas de lecer saudable e educación ambiental en Terras do Miño

Obradoiros de apicultura, ecociencia para os máis pequenos, cursos de encaixe de bolillos e de elaboración de arranxos florais, ou reciclaxe creativo son algunhas das iniciativas que están programadas

A Deputación de Lugo organiza un novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado na Reserva da Biosfera xestionada pola propia institución provincial. A programación inclúe dez propostas para todos os públicos, que se desenvolverán no segundo trimestre do ano, dende o 4 de abril ata o 30 de xuño.

O prazo de inscrición abriuse este mércores e as persoas interesadas xa poden anotarse na páxina web da institución provincial http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

A primeira proposta será Creación e mantemento de xardíns de interior e de exterior, unha actividade pensada para os adultos. Desenvolverase do 4 ao 8 de abril, en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 horas.

Durante a Semana Santa, do 11 ao 13 de abril, está programado un curso de Ecociencia en horario de mañá e os adultos poderán formarse nun obradoiro de apicultura as dúas últimas semanas de abril e o 18, 19 e 20 de maio.

Para o mes de maio tamén están programadas tres actividades para público adulto. Por unha banda, entre os días 4 e 6 impartirase o Obradoiro Os Maios. Entre os días 9 e 13 haberá un curso de elaboración de arranxos florais e os días 24, 26, 27, 30 e 31 as persoas interesadas poderán realizar un curso de encaixe de bolillos.

No mes de xuño, a Deputación ofrece catro actividades, dúas pensadas para todos os públicos e dúas para os nenos e nenas da provincia. Do 6 ao 10 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que é o día 5 de xuño, realizarase a Xornada Viaxeira no Rato e no Miño e, do 13 ao 17, a actividade Os ríos da vida. Rematado o período escolar, os máis pequenos poden participar na celebración do solsticio de verán, o 23 e 24 de xuño, e nun obradoiro de reciclaxe creativa e valores ambientais do 27 ao 30 dese mes.

Todas as iniciativas terán lugar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. As iniciativas contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.