O BNG levará ao Congreso as demandas da CIG-Saúde sobre o recoñecemento da xubilación anticipada na sanidade pública

Néstor Rego e Montse Prado manteñen unha reunión con representantes da Executiva da CIG-Saúde

Os deputados do BNG no Congreso, Néstor Rego, e no Parlamento de Galicia, Montse Prado, manteñen unha reunión con membros da Executiva da CIG-Saúde sobre a urxente e necesaria reforma da Lei 55/2003 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos servizos de saúde. A organización nacionalista comprométese a rexistrar iniciativas en ambas as dúas cámaras para que se recoñeza o dereito á xubilación parcial e anticipada das traballadoras e traballadores da sanidade pública.

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, afirmou que o BNG presentará no Congreso unha iniciativa dirixida a que se recoñeza o dereito á xubilación anticipada do persoal da sanidade pública. Dereito que, lembrou, xa está recoñecido para o persoal doutras administracións e que «non é de recibo que non teñan as persoas que dedican a súa vida a coidar da saúde do conxunto da poboación».

A isto engadiu que non só favorecería ás traballadoras e traballadores da sanidade pública ao chegar a esa idade, senón que tamén posibilitaría rexuvenecer os cadros de persoal. Algo do que a sanidade pública está moi necesitada. Na mesma liña, a deputada no Parlamento de Galicia, Montse Prado explicou que o BNG presentará tamén nesta cámara, unha iniciativa nese sentido.

«Recoñecemento xa»

A CIG-Saúde entende que o Ministerio debería xa recoñecer o dereito á xubilación anticipada. Explica que agora mesmo se exixe ter, como máximo, dous anos menos respecto da idade ordinaria de xubilación. Fronte a isto, a secretaria nacional, María Xosé Abuín, explicou que todo o persoal da sanidade pública con máis de 35 anos cotizados, ao cumprir os 63 anos tería que poder acceder co 100% á xubilación, sen aplicarlles os coeficientes redutores que van do 6,5 ao 7,5% anual, incluíndo ademais o complemento por maternidade. Coeficientes que chegan a provocar unha perda de poder adquisitivo das súas pensións de até o 25%.

Abuín subliñou que se deberían contemplar tamén as singularidades do persoal da sanidade porque, tal e como admite a disposición adicional sétima da Lei 40/2007, «o persoal estatutario ten singularidades que o distinguen do resto do funcionariado pola propia natureza do servizo público sanitario».

Neste sentido apuntou que o sistema sanitario ten prestación de servizo continuado, as 24 horas do día e os 365 días do ano, e que hai múltiples estudos que demostran como isto afecta negativamente á saúde das persoas que traballan a quendas, transcorridos máis de 15 anos.

A isto engadiu o aumento dos riscos psicosociais que xeran problemas de saúde ao persoal ao traballaren en contacto coa enfermidade, tomar decisións sobre a vida doutras persoas ou pola presión familiar. Isto xunto coa exposición continuada a riscos biolóxicos, químicos ou medioambientais, entre outros.

Problemas recoñecidos pola propia Administración

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que a propia administración recoñece, nos plans de ordenación de recursos humanos, problemas como unha pirámide de poboación envellecida, o que incrementa o número de incapacidades temporais e o gasto no capítulo de persoal ou a imposibilidade de asumir os acordos sindicais relativos a que o persoal facultativo deixe de facer gardas ao cumprir cincuenta e cinco anos. Dereito que a administración denega alegando, segundo a CIG-Saúde, que cada día hai máis persoas nesta situación e se incrementa o custo de facer contratos a novo persoal.

Canda isto, a propia administración recoñece tamén a imposibilidade de que o persoal deixe de traballar en horario nocturno ao cumprir 55 ou 60 anos, malia os danos na saúde provocados polos cambios continuados de horarios ou a imposibilidade de adaptar postos a persoas con problemas de saúde laboral.

Cambios normativos necesarios

Diante desta situación, a CIG-Saúde solicitou aos representantes do BNG que trasladen á súa vez ao Congreso a demanda de que se articulen as medidas normativas necesarias para garantir, coa maior urxencia, o dereito do persoal estatutario dos servizos de saúde á xubilación anticipada e parcial.

E no Parlamento de Galicia, que se urxa a desenvolver o Estatuto xurídico dos empregados e empregadas de saúde de Galicia, tal e como se contemplaba xa no artigo 109 da Lei 8/2008 de Saúde da Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.