O compromiso de Emilia Pardo Bazán con Galicia centra un novo ensaio sobre a autora

José María Paz Gago, autor do volume, subliña que a autora foi quen de converter a realidade galega do seu tempo en mito universal no conxunto da súa obra
A reivindicación que de Galicia fixo Emilia Pardo Bazán na súa amplísima produción literaria e xornalística centra o novo ensaio do catedrático José María Paz Gago, “Emilia Pardo Bazán e Galicia”, editado por Hércules de Ediciones e que foi presentado onte en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron, ademais do autor, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a actriz Isabel Blanco, e a editora, Laura Rodríguez Herrera.
Na publicación, Paz Gago subliña o compromiso da autora coruñesa coa súa terra a través de extractos da súa obra, na que Pardo Bazán retrata “non só a Galicia rural máis recoñecible, con todas as súas facianas paisaxísticas, institucionais ou socioeconómicas, senón tamén a Galicia urbana, burguesa e obreira, administrativa, comercial e fabril”. Así mesmo, a súa descrición abrangue máis aló da súa Marineda natal e a veciña Sada onde tiña a súa residencia estival, creando coa súa pluma inspiradas descricións de todo o territorio.
“O que quixen neste libro foi esclarecer unha serie de cuestións sobre a relación de Emilia Pardo Bazán con Galicia, a lingua e a literatura galega e os seus persoeiros, un asunto sobre o que houbo moita desinformación e fake news. O certo e que Emilia Pardo Bazán amou apaixonadamente Galicia, toda Galicia, de norte a sur e de este a oeste, desde As Mariñas coruñesas ata as comarcas do Ribeiro ourensán e as Rías Baixas. Toda Galicia cabía no seu corazón”, explicou Paz Gago na presentación.
O impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán súmase así ás numerosas voces que buscan poñer en valor a figura de esta coruñesa universal que contribuíu a dar a coñecer Galicia en España e Europa e que “foi quen de converter a realidade galega do seu tempo en mito universal no conxunto da súa obra, como farán Rosalía e Curros, Valle, Castelao, Cela Torrente ou Cunqueiro”. “Temos a obriga moral de facer xustiza a quen loitou incansablemente polos dereitos das mulleres, a quen promoveu a nosa cultura e a nosa literatura contribuíndo decisivamente á fundación da Academia Galega, sen deixar de reflectir a nosa realidade ao longo da súa extensa obra narrativa, en innumerables artigos de xornais ou inesquecibles discursos e conferencias, publicados e pronunciados en todo o mundo”, reclama no prólogo.
Muller, galega e feminista
José María Paz Gago pon de manifesto tamén o feminismo de Emilia Pardo Bazán, ao que sitúa na columna vertebral da traxectoria vital e do pensamento pardobazaniano, que tiña como punta de lanza tres puntos esenciais: a igualdade de oportunidades na educación, de oportunidades laborais para acadar a independencia económica do home e a igualdade sexual. Trátase, segundo o investigador, dun feminismo pioneiro non soamente no intelectual, “senón que o encarna na súa propia vida persoal e na das heroínas das súas novelas e contos”.
“Emilia Pardo Bazán e Galicia” dedica tamén un capítulo á relación da autora de “Los pazos de Ulloa” cos círculos intelectuais e literarios galeguistas da época, así como as polémicas nas que se viu inmersa na súa traxectoria. “Participou activamente no rexionalismo galeguista e tivo unha excelente relación con Lamas Carvajal, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro, contrariamente ao que se ven dicindo. Os seus problemas foron esencialmente con Murguía, cuxa mentalidade non estaba preparada para entender a unha muller empoderada e feminista”, subliñou José María Paz Gago, que no libro dedica tamén espazo a labor de Pardo Bazán como directora da “Revista de Galicia” e como presidenta da “Sociedad do Folk-Lore Gallego”, impulsada por ela e que pode considerarse como o antecedente máis directo da Real Academia Galega.
Unha poliédrica figura
Co publicación de “Emilia Pardo Bazán e Galicia”, Hércules da un paso máis no seu compromiso co legado da autora coruñesa. Así, esta obra súmase a “Emilia Pardo Bazán y la moda” (Hércules de Ediciones, 2021) e “Emilia Pardo Bazán y el dandismo” (Hércules de Ediciones, 2021), dous ensaios da investigadora Blanca Paula Rodríguez Garabatos que revelan aspectos quizás descoñecidos da poliédrica figura da escritora coruñesa: o seu coñecemento da moda do seu tempo e a súa devoción polos dandis do dezanove. Pola súa banda, en “La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro” (Hércules de Ediciones, 2021) José María Paz Gago recompila máis de medio centenar das crónicas que Pardo Bazán escribiu para a revista “La ilustración artística” entre los años 1895 e 1916. Trátase dunha edición de coleccionista, limitada a 100 exemplares que inclúe nove láminas orixinais firmadas por outros tantos artistas galegos. O catálogo de Hércules abrangue tamén os volumes “La cocina de Picadillo y Pardo Bazán” (Hércules de Ediciones, 2004), que amosa a faceta gastronómica da escritora e “Emilia Pardo Bazán. La escritora en Miraflores” (Hércules de Ediciones, 2019), que aborda os períodos estivais que a autora de “La Tribuna” pasou na súa infancia e xuventude en Sanxenxo.
Sobre o autor
José María Paz Gago (Celanova, 1966) é catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña. Autor de numerosos libros e traballos sobre escritores galegos como Pardo Bazán, Valle-Inclán, Cela, Curros Enríquez e Álvaro Cunqueiro, fundou e dirixiu a revista “La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán”, da que foi presidente do seu Comité Científico. Impulsor do Instituto de Estudios Emilia Pardo Bazán, acaba de sacar á luz unha novela policial inédita da escritora coruñesa, baixo o título “Los misterios de Selva (Ézaro, 2021) e a obra ilustrada “La vida contemporánea. Emilia Pardo Bazán en su tiempo y en el nuestro” (Hércules de Ediciones, 2021).