O Concello da Coruña suma unha páxina web con información en ucraíno aos servizos que presta de apoio aos refuxiados

Inés Rey visitou as instalacións da Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno, que xa atendeu a 24 mulleres e menores

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou este xoves a Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno (OMAPU), situada nas instalacións que o Concello ten na rúa Matadoiro. Alí presentou unha nova páxina web que inclúe todo tipo de información útil tanto para as persoas ucraínas como para a cidadanía e as empresas que desexen colaborar.

Esta nova ferramenta en liña está dispoñible en galego, castelán e ucraíno. Haberá información para o pobo ucraíno como os seus dereitos de protección temporal, contacto coa entidade delegada na cidade (ACCEM) e ligazóns de interese como solicitudes de cita previa coa Policía. Por outra banda, as coruñesas e os coruñeses que desexen colaborar, poderán facelo a través desta páxina web a través de doazóns ás entidades colaboradoras do Concello, como a FEGAMP, ACCEM, Sen Valos, Cruz Vermella, AGA Ucraína ou Ecos do Sur.

“Desde que comezou o conflito, o meu Goberno municipal púxose á disposición das administracións para facilitar a chegada á nosa cidade de persoas refuxiadas”, sinalou Inés Rey tras a súa visita ás instalacións xunto coa concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira. Sobre a nova páxina web, a rexedora apuntou que “é unha ferramenta moi útil e engloba todas as opcións das que dispoñen as persoas refuxiadas, tanto por parte do noso Concello como do resto de administracións”.

Como novidade, a cidadanía tamén poderá solicitar en liña e na propia oficina a súa participación no proceso de selección de familias acolledoras. O Concello vén de crear unha bolsa de familias acolledoras para complementar o servizo que xa ofrece o Programa de Protección Internacional do Ministerio de Inclusión, que garante aloxamento e recursos económicos entre outras cuestións. Inés Rey incidiu en que se trata dun proceso excepcional que só será activado no caso de que o Goberno así o solicite ás administracións locais ou en circunstancias de emerxencia relacionadas con familias de persoas refuxiadas chegadas á Coruña. A familia acolledora deberá cubrir a documentación previa, realizar un taller formativo, ser entrevistada no domicilio e presentar certificado de penais e delitos sexuais. O Concello será responsable da formación, a avaliación e o seguimento das familias.

Por último, a páxina web tamén contén información de utilidade para empresas e entidades que desexen colaborar. Neste caso, poderán facelo a través de doazóns económicas directas ás entidades colaboradoras ou do recadado en accións propias. Tamén poderán ofrecer os seus servizos ou recursos propios.

Que é a OMAPU

A alcaldesa Inés Rey coñeceu de primeira man como funciona esta Oficina Municipal de Apoio ao Pobo Ucraíno, que comezou a funcionar o luns 21 de marzo e xa atendeu a 24 mulleres e menores procedentes do país. Este servizo está dirixido por Gloria Sánchez, da concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación, que coordina os servizos específicos para persoas migrantes. A OMAPU tamén conta cunha traballadora social, un auxiliar e dous intérpretes. Nestes momentos hai seis persoas aloxadas na cidade a través dos servizos municipais, pendentes de acceder ao programa do Ministerio. Outras seis persoas refuxiadas xa accederon a dito programa de Protección Internacional.

O obxectivo da oficina é coordinar a acción conxunta de axuda ao pobo ucraíno entre o Concello, o resto de administracións públicas e o terceiro sector da cidade. Ademais, ofrece un servizo de información e acompañamento da poboación ucraína que chega á cidade e en caso de urxencia tamén xestionará aloxamentos temporais para ela. Desde a OMAPU levarase a cabo a selección e seguimento das familias acolledoras e ofrecerase información telefónica, presencial e en liña á cidadanía e empresas da cidade que desexen colaborar.

Por outra banda, a alcaldesa Inés Rey tamén anunciou o inicio dun proceso de captación de voluntariado para interpretación e acompañamento da poboación ucraína que chegue á cidade. Buscaranse persoas voluntarias que falen ruso ou ucraíno para axudar á poboación chegada a ser autónoma e integrarse na cidade.

O horario da OMAPU será de 8.00 a 15.00, pero o persoal municipal de Servizos Sociais levará a cabo unha atención as 24 horas do día nos casos de emerxencia que poidan presentarse. O contacto telefónico é o 010, o enderezo electrónico é omapu@coruna.gal e a páxina web é coruna.gal/omapu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.