O Concello recolle as propostas do alumnado coruñés para mellorar a cidade

O proxecto “Sementando Participación” remata a súa quinta edición cun acto no Ágora no que participaron máis de 180 alumnos dos CEIPs Alborada, Labaca e o Colexio Fogar de Santa Margarida

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañou este mércores ao alumnado do programa “Sementando Participación” no seu acto de final de proxecto. A clausura do ciclo celebrouse no Centro Sociocultural Ágora, ao que Rey acudiu acompañada da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, responsable do proxecto, así coma os demais membros da corporación municipal e da Fundación Educo.

No Ágora proxectouse un vídeo que resumía as actividades formativas desenvoltas no marco do proxecto “Sementando Participación”, parte clave do programa no eido da promoción da participación cidadá e do pensamento crítico entre o alumnado. Tras a proxección, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de preguntar á Alcaldesa e aos concelleiros e concelleiras sobre asuntos da xestión municipal e do futuro da cidade, así como trasladarlle as súas propostas como resultado último do proxecto.

“É fundamental que a cidadanía teña un pensamento crítico, que forme parte da toma de decisións que atanguen ao seu día a día. E isto debe fomentarse dende as idades máis temperás, de aí a nosa aposta por este proxecto”, explicou Inés Rey aos participantes no programa. Ademais, felicitou ao alumnado pola súa implicación e traballo ao longo do ano e polas relevantes achegas ao goberno municipal, que “dan conta de que non só sodes o futuro da cidade, senón tamén o presente”.

Entre as propostas feitas polos pequenos e pequenas figuran a creación de parques con xogos adaptados á súa idade ou a realización dunhas olimpíadas entre os centros escolares, pero tamén outras de carácter social, como a necesidade dun espazo municipal para a acollida de animais ou dun centro de atencións ás persoas sen fogar. A alcaldesa agradeceu aos nenos e nenas o seu interese pola inclusión e o coidado do medio ambiente e comprometeuse a estudar as achegas co resto da corporación municipal.

Ao acto asistiron tamén o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín; o Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Ignacio Borrego, a concelleira de Medio Ambiente e Sostibilidade, Esther Fontán; a Concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral; e a Concelleira de Deportes, Mónica Martínez

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.