O Goberno de Lugo avanza na construcción da pasarela do centro de saúde de San Roque

Rubén Arroxo: «Esta infraestrutura mellorará a accesibilidade e dará solución a unha solicitude da veciñanza de Fontiñas»
O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou a pasarela de San Roque, onde está a piques de rematarse a cimentación da base. O Tenente Alcalde explicou que «continuamos a traballar na construcción desta estrutura, que permitirá á veciñanza un mellor acceso ao Centro de Saúde de San Roque, cun percorrido practicamente plano que evitará a pronunciada pendente que se atopaban actualmente».
Ata o de agora, avanzouse na construcción da cimentación da pasarela, o que fixo preciso reorganizar certos servizos xa instalados na rúa. Unha vez se completen estes traballos, instalaranse os pilares e despois a propia estrutura da pasarela. En total, o Goberno de Lugo inviste 220.013,95€ na execución desta obra.
«Desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel a esta solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando «, explicou Rubén Arroxo, que engadiu «desde a área de Mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda». A pasarela unha vez rematada terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros.