O novo plan para a ría do Burgo aumentará os paseos e zonas verdes nas Xubias

A proposta para a ría, que inicia o seu trámite ambiental, propón unha redución do 62,5% da edificabilidade no ámbito

A Coruña, 3 de marzo de 2022.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a proposta de planeamento para a ría do Burgo, proposta que senta as bases para un novo desenvolvemento no litoral da ría entre a praia de Oza e A Pasaxe. A alcaldesa, Inés Rey, explicou que o documento aprobado este mércores, supón o inicio do trámite ambiental para a posterior modificación plenaria do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O documento é o punto de partida para pechar unha proposta cos grupos que axude a deseñar un futuro idóneo para este espazo.

A proposta, que contempla unha redución da edificabilidade dun 62,5 % neste ámbito con respecto á recollida en 2008, explicou a alcaldesa, abrangue tamén a creación de novas zonas verdes e unha senda peonil e ciclista que conecte os extremos de Oza e A Pasaxe pola costa, dando forma a un novo tramo do paseo marítimo que bordea a cidade da Coruña.

O documento aprobado na Xunta de Goberno Local deste mércores propón que edificios dunha notable singularidade, como os pazos de Guyatt e A Pasaxe, se recuperen como equipamentos para uso público. Ademais, tamén se protexerían elementos de relevancia na paisaxe, como o antigo apeadoiro da Pasaxe ou a posta ferroviaria das Xubias. “É un plan que mellora, por moito, o proposto no ano 2008. Mantén os valores tradicionais deste enclave, e ofrece un maior respecto polo patrimonio e a natureza”, detallou a alcaldesa, Inés Rey.

O proxecto, que busca revalorizar e protexer o medio ambiente na contorna das Xubias, será unha proposta susceptible de melloras no seu trámite previo á aprobación plenaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.