O Parlamento galego demanda a posta en marcha da marca Leite de pastoreo

O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través das que se solicita a posta en marcha da marca Leite de pastoreo, impulsando así o produto galego baixo o paraugas de Galicia Calidade Alimentaria. “A promoción é clave para os sector leiteiro galego polo que, ademais da implantación das medidas contidas na Estratexia do sector lácteo, é fundamental o impulso desta marca de leite como un selo que se suma ao de Galega 100%”, manifestou a viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia.

Na súa intervención, Candia recoñeceu “as dificultades polas que atravesa o sector gandeiro motivado polo incremento dos seus custos de produción, polo que desde o PPdeG insistimos na necesidade dun esforzo por parte dos demais axentes da cadea de valor”. “O gandeiro é o elo máis sensible da cadea e temos que apoialo na súa actividade, clave para dar continuidade a todo o proceso produtivo”, manifestou.

SEGUIR AVANZANDO

A viceportavoz popular lembrou que Galicia produce o 40 por cento do leite de toda España e acolle máis da metades das explotacións lácteas do total nacional. Deste xeito, Galicia produce tanto leite como a suma das seguintes catro comunidades españolas con maior produción (Castela e León, Cataluña, Andalucía e Asturias) e se atopa entre as nove primeiras comunidades en produción de leite de Europa.

“Neste situación, hai que seguir avanzando para consolidar ao sector lácteo galego como un eido produtivo estratéxico para o noso rural”, indicou Elena Candia, quen lembrou que “os produtos de calidade diferenciada son puntais de Galicia Calidade e por iso celebramos o anuncio de creación dunha nova sección específica de produto agroalimentario que se chamará Galicia Calidade Alimentaria”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.