Os estigmas carcerarios chegan ao Teatro Rosalía ca obra ´El cuaderno de Pitágoras’

‘El cuaderno de Pitágoras’ nace da propia experiencia de Carolina África, a directora da obra, durante os seus anos de voluntariado nun módulo penitenciario

O Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas esta semana, o venres 4 e o sábado 5, ao quinto dos espectáculos previstos na programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que comezou a finais do mes de xaneiro.

‘El cuaderno de Pitágoras’, dirixido por Carolina África, é unha obra de ficción inspirada en feitos reais que nacen froito da experiencia vivida pola propia directora nos seus anos de voluntariado nun módulo penitenciario. Os protagonistas da historia son un grupo de reclusos que participa na elaboración dunha obra teatral que terá, como paso final, a celebración dun espectáculo diante das súas familias. Durante o proceso de preparación, e co rexistro da evolución dos ensaios nun caderno que dá nome á obra, os reclusos exteriorizan a dureza da súa realidade: o anhelo de volver ter unha vida digna en liberdade e a incertidume de como levar adiante ás súas familias no seu presente pero tamén de cara ao futuro, coa dificultade que implica a reinserción social posterior e enfrontarse ao estigmas vencellados ao cárcere.

O actor Manolo Caro, recoñecido polo seu traballo en longametraxes como ‘Camarón’ e producións televisivas como ‘Gigantes’ e ‘Los Serrano’, é un dos rostros máis recoñecibles desta peza teatral, na que tamén é protagonista a actriz coruñesa Victoria Teijeiro (‘La Isla de las Mentiras’ e ‘Fariña’, entre outras).

As entradas para asistir ao espectáculo (venres 4 e sábado 5 ás 20.30 horas), están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 18 euros para o público xeral.

Os billetes tamén poderán adquirirse o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *