Os populares de Oleiros registran unha moción para paliar o impacto económico da invasión de Ucraína

O Partido Popular de Oleiros considera que Galicia está ao carón dos esforzos que está a desenvolver a Unión Europea e os gobernos dos distintos Estados membros, incluído o Goberno de España, reivindicando o restablecemento da legalidade internacional e da paz tras a invasión de Ucraína por parte de Rusia, tendo como guía nesta crise os principios e valores democráticos e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado de constitución da Alianza do Atlántico Norte e na Constitución Europea

De feito, desde a Comunidade galega se condena esta agresión inxustificada e se amosa unha total disposición a colaborar nunha resposta humanitaria coordinada co Goberno central en apoio ao pobo ucraíno. Neste sentido, Galicia ten comunicado a disposición de máis de 1.400 prazas de acollida para refuxiados entre as habilitadas pola Xunta, concellos e entidades sociais; ao tempo que ten ofrecido preto de 500 camas nas sete áreas sanitarias con espazo específico para pacientes pediátricos e pacientes con tratamento oncolóxico, e traballar de forma activa na axuda humanitaria.

Pero, as incertezas que se derivan desta situación, unha das máis graves vividas en Europa desde a segunda guerra mundial, están a provocar un excepcional impacto económico no tecido produtivo e nas familias, que están a facer fronte a unha escalada sen precedentes no relativo aos prezos enerxéticos, así como á escaseza dalgunhas materias primas esenciais na cadea agro-mar-industria e outras industrias. Ademais, empresas presentes nestes dous países ou que lles viñan exportando os seus produtos e servizos vense afectados por unha contracción dos seus mercados, ao igual que as localidades turísticas que acollían a súa cidadanía.

Como consecuencia, faise necesario adoptar medidas urxentes para que os sectores como a industria, o agro e o mar poidan continuar coa súa actividade, mantendo o emprego, e para que as familias poidan facer fronte e a súas facturas.

Por todo isto, o Grupo Municipal Popular no Concello de Oleiros, presenta a seguinte PROPOSTA DE ACORDOS:

1. “O Concello de Oleiros insta ao Goberno de España que faga efectivo o compromiso asumido na declaración pactada na Conferencia de Presidentes celebrada o domingo 13 de marzo de 2022, e poña en marcha as medidas urxentes necesarias para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns tras a invasión de Ucraína e, entre elas, as seguintes :

a. Baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo.

b. Medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo.

c. Rectificar a política enerxética abrupta que se vén levando a cabo e apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta.

d. Reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.

2. Así mesmo, o Concello de Oleiros insta á Xunta de Galicia a analizar, xunto cos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión de Ucraína (transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería, turismo …) e, en coordinación coas políticas que ao efecto se impulsen pola Unión Europea e polo Goberno de España, a poñer en marcha aquelas medidas necesarias, no ámbito das súas competencias, coa finalidade de mitigar a situación pola que atravesan os mencionados sectores”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.