Os programas sociais “En Ruta coa Depo” e “Depotermal” volven neste 2022

Ambas iniciativas ofrecen en conxunto preto de 25.000 prazas á cidadanía para desfrutar da provincia e do termalismo social

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar para retomar dous dos programas sociais con maior participación da cidadanía, “En Ruta coa Depo” e “Depotermal”, que neste 2022 volven despois dun parón de dous anos debido á pandemia. En total, ambas iniciativas ofrecerán este ano preto de 25.000 prazas para que a veciñanza poida participar en rutas por lugares emblemáticos da provincia e en estadías en distintos establecementos de termalismo.

“En Ruta coa Depo” ofrece ás entidades e asociacións a posibilidade de realizar rutas por lugares emblemáticos da provincia, acompañadas por unha persoa guía de turismo e incluíndo xantar e transporte. O Goberno vén de aprobar o expediente para contratar a xestión deste programa, cun máximo de 20.000 prazas, e ao mesmo tempo a Deputación tamén está a tramitar as 332 solicitudes que colectivos de 47 concellos da provincia fixeron xa para participar en algunha das 32 rutas ofertadas. Unha vez cubertas as prazas, o resto das solicitudes quedarán en lista de agarda.

Do total de prazas ofertadas, 400 son gratuítas para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. No resto, o custo da praza é de 34,86 euros, cofinanciado pola Deputación, de maneira que cada participante achegará a cantidade de 13,50 euros. Hai que destacar a grande aceptación deste programa, do que desde 2016 se beneficiaron máis de 75.000 persoas.

No que respecta a “Depotermal”, que ofrece un total de 4.434 prazas, xa está adxudicada a xestión deste programa de termalismo social, no que se invisten 111.601 euros. Está destinado a persoas maiores (nacidas antes de 1972), pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, amais de persoas que precisen dun respiro familiar.  Das citadas 4.434 prazas, un total de 1.248 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. E destas, 186 serán prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Por outra banda, ofertaranse 3.186 prazas para a opción con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, das que 124 serán tamén reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social.

Unha vez se publique no BOPPO a adxudicación do servizo, as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude nun formulario na web da Deputación que poden presentalo electrónica ou de xeito presencial. A Deputación ten tamén un rexistro de 53 concellos adheridos ao plan, que facilitarán ás persoas a realización dos trámites e axudas. Este rexistro está aberto á incorporación de novos concellos. Desde o ano 2015 teñen participado neste programa de termalismo un total de 12.121 persoas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.