Pablo Seoane presenta este sábado en Dumbría o seu libro “O toque pechado”

Pablo Seoane presenta o seu libro “O toque pechado” o Sábado, 2 de Abril ás 21:00h no concello de Dumbría (Casa Cultural de Olveira) da man da Asociación Fonte Santa de Buxantes

Logo de 2 anos de intenso traballo, Pablo Seoane, de Cacheiras – Teo, decide editar este traballo coa idea de poder axudar a todos/as os/as gaiteiros/as que se propoñan aprender ou mellorar no toque pechado para a gaita de fol galega.

A idea, que xa facía tempo que estaba enriba da mesa, levouse a cabo durante o confinamento por mor da Covid-19. “Moita xente do sector da música e baile tradicional, deixaron de ter actividade, tanto docente coma artística, polo que era o momento de poder facelo”.

O autor, coñecido intérprete deste xeito de tocar, despois do traballo de transcrición de audios, edición de partituras, análise das mesmas (a maior parte do seu arquivo persoal) e de actualizar e poñer ó día anos e anos de traballo, presenta nesta publicación, unha boa escolma de exercicios específicos e 150 partituras divididas en 3 niveis de dificultade, para que os/as gaiteiro/as poidan traballar en calquera dos distintos xeitos de tocar pechado na gaita galega.

Segundo a experiencia do autor coma gaiteiro e docente, a mellor forma de dominar calquera dos distintos estilos de toque pechado que existe en Galicia, é traballando con exercicios previos e tamén, por suposto, coas músicas axeitadas a este xeito de tocar. Todas as partituras que aparecen no libro son tradicionais, e aínda que están pensadas para o toque pechado, pódense, por suposto, interpretar coa dixitación aberta, e completar o repertorio de calquera gaiteiro/a.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.