Sarria acolle este venres a obra “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico, sobre Rosalía de Castro

A función forma parte da programacióin impulsada pola Vicepresidencia para poñer en valor a figura e obra da poeta

A Casa da Cultura de Sarria acolle este venres (20.00 horas) a representación da obra “Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico, dentro do programación impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para poñer en valor a figura e obra da poeta coa colaboración de concellos e asociacións.

O colectivo sarriao Rebuldeira colabora na organización da representación, na que a actriz María Barcala – recoñecida por interpretar grandes personaxes femininas na historia do teatro moderno como a Nora de “Casa de bonecas” de Ibsen a Marteuil de “Quartett” de Heiner Müller, a Natalia de “O cerco de Leningrado” de Sanchis Sinisterra, a Clitemnestra de “Clitemnestra ou o crime” de Marguerite Yourcenar, a Dona Inés de “A noite vai coma un río” de Cunqueiro e personaxes míticas como Helena de Troia en “Helena: Xuízo a unha lurpia”, de Miguel del Arco – interpreta a unha Rosalía de Castro que declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, convidou “á veciñanza de Sarria e da comarca a achegarse a Casa da Cultura este venres, ás 8 da tarde, para desfrutar desta obra que nos achega á obra e ao pensamento de Rosalía de Castro e acredita a vixencia e a necesidade dese posicionamento reivindicativo, respecto das mulleres e da lingua, aínda nos nosos días” e agradeceu “a colaboración de Rebuldeira na organización e difusión da función”

“Libre coma os paxaros”: dramaturxia sobre textos de Rosalía

A base fundamental para a elaboración da posta en escena do espectáculo, dirixido por Xulio Lago, son os propios textos de Rosalía de Castro -poesía, artigos, prosas, lieders- que permiten transitar polo pensamento da autora e polo seu compromiso diante dos conflitos e acontecementos presentes na sociedade do seu tempo.

Follas Novas, Cantares Galegos, La Flor, En las orillas del Sar, Las Literatas, A mi madre,
xunto cos prólogos, noticias da prensa do seu tempo, e datos extraídos de publicacións e
documentos presentes na obra de diversas estudosas e estudosos da vida e da obra da autora conforman o conxunto biobibliográfico do que foi extraído o material que configura o espectáculo.

É a propia Rosalía de Castro, interpretada por María Barcala, a que desde o escenario, cos código propios do teatro, establece a comunicación co público, mostrándose como unha muler en loita a prol da igualdade entre homes e mulleres, contra a violencia de xénero, que denuncia a desigualdade social e os atentados contra o equilibrio ecolóxico ou o drama da emigración. A posta en escena complétase coa iluminación de Antonio Simón e a música de Vadim Yukhnevich.

Domingo, na Pobra do Brollón

A obra manterase en xira polas comarcas da provincia durante os meses de marzo e abril. Despois de Sarria, este domingo, 13 de marzo (19:00 horas) representarase na Casa da Cultura Olga Nova da Pobra do Brollón, coa colaboración do concello.

As seguintes funcións serán no Auditorio Municipal de Chantada o 1 de abril , na Casa da Cultura de Meira o 14 de abril e no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo o 24 de abril.

Programa sobre Rosalía
Ademais de “Libre coma os paxaros”, dentro da programación sobre Rosalía, a Vicepresidencia da Deputación ofrece aos concellos e asociacións a montaxe para público familiar “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola, e a realización de murais homenaxe a autora en centros educativos e espazos públicos, a cargo dos muralistas Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage, coñecido como Van Kraft. Nos próximos meses, tamén viaxará pola comarcas a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía”, agora exposta na Praza de San Marcos de Lugo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.